Os Camiños de Santiago veñen construíndo unha cultura común europea ao longo de máis de mil anos de historia. O Xacobeo 2021 supón unha oportunidade para potenciar Galicia. O programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia é un eixo central para fomentar a participación de todos os galegos, como unha porta aberta ao mundo. O teu Xacobeo é un programa de todos e para todos os galegos no que está implicada a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa gastronomía, o noso deporte, a nosa arte e, por riba de todo, o noso espírito como sociedade.
O teu Xacobeo é unha programación social e cultural que se desenvolveu xa por toda a xeografía galega durante os anos 2019 e o 2020 e que continuará no 2021, ano Xacobeo. É a maior convocatoria aberta da historia de Galicia que se fai coa axuda e o empurre de todos. Os galegos, os que nos visitan e todo o país seremos partícipes do que aquí suceda e supón unha oportunidade única para dar a coñecer unha vez máis o noso inmenso talento de cara ao mundo.
O Concello de Fene participa durante este ano 2021 no programa O Teu Xacobeo a través do proxecto «Viñetas do Camiño: unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra», dirixido a promocionar a comarca de Ferrolterra como destino cultural e artístico a través das ilustracións e o traballo de recoñecidos artistas plásticos da bisbarra.