Exposición virtual das obras realizadas na Andaina Debuxada de Viñetas do Camiño, nas paradas ilustradas do percorrido
polos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume.
ELGA FERNÁNDEZ LAMAS
Debuxou nos Xardíns de Herrera, que unen Ferrol Vello, punto de partida do Camiño Inglés, co barrio da Madalena, un exemplo de deseño ilustrado no que tamén destacan os edificios modernistas de Rodolfo Ucha.
BLANCA ESCRIGAS
Plasmou nas súas acuarelas a contorna da ermida de Caranza, desde onde se divisan os estaleiros creados no século XVIII. A construción naval atraeu a técnicos ingleses que deixaron a súa pegada a todo filispín na fala ferrolá.
CARME MARTÍN
Pintou o mosteiro do Couto, unha igrexa do século XII que dependeu da orde de Cluny, dos beneditinos e mesmo foi priorato dependente do cenobio lugués de Salvador de Lourenzá. Declarouse monumento artístico nacional no 1972.
LEANDRO LAMAS
Instalou o seu cabalete a carón do Muíño das Aceñas, unha construción de finais do século XVIII na que se obtiña fariña de flor de calidade superior con trigo de lugares como San Petersburgo ou Filadelfia. Alí estivo atentendo peticións dos nenos e nenas que participaron na andaina.
CALROS SILVAR
Debuxou ao pé do albergue de peregrinos de Neda. Moi preto está a fábrica de Xuvia, que comezou no XVIII como cobrería, máis tarde foi Casa da Moeda e desde principios do século XX ata hoxendía fábrica textil.
CRISTIAN F. CARUNCHO
Estivo no casco antiguo de Neda, no que son característicos os seus soportais, os escudos heráldicos de moitas das súas casas e as fontes e cruceiros de cantería. Destacan tamén as igrexas de San Nicolás e Santa María.
XAQUÍN MARÍN
Os debuxos do principal impulsor do Museo do Humor van asociados a este centro singular e único en Galicia ao que o seu nome está xa indisolublemente unido. É un lugar que pon en valor o humorismo galego e do resto do mundo coa risa como linguaxe universal! Laura Bouza: Instalouse cos seus pinceis a carón da Casa do Concello de Fene, un edificio deseñado polo arquitecto multipremiado e recoñecido internacionalmente Alberto Campo Baeza
LAURA BOUZA
Instalouse cos seus pinceis a carón da Casa do Concello de Fene, un edificio deseñado polo arquitecto multipremiado e recoñecido internacionalmente Alberto Campo Baeza
BEATRIZ SEIJO
Pintou no Camiño de Mundín, gozando dunha vista espectacular sobre a ría. A parada, nun lugar próximo a un dos lavadoiros do Concello de Fene, serviu para lembrar ás lavandeiras de Sillobre, as máis famosas e mellor pagadas da zona. Por este punto do Camiño Inglés pasaban cos carros cheos de roupa.
DULCE ANCA
Levou o cabalete á Fonte de Santa Lucía. É un punto que forma parte da Ruta da Auga de Cabanas, coa que se recuperaron as antigas lavanderías, lugares de traballo e vida social das mulleres e tamén sitios para o descanso dos peregrinos. Estes lugares foron, de sempre, inspiradores de lendas e historias populares.
JUAN MANUEL RUBIO LOZANO
Retratou a desembocadura do Eume desde o lado de Cabanas e cruzou despois para plasmar a Ponte dos Andrade desde Pontedeume. Foi unha ocasión para recordar a importancia daquela casa nobiliaria no medievo e a súa pegada.
HUGO FEAL
Debuxou na Alameda de Raxoi, hoxe un parque público para o lecer e antigamente a horta na que traballaban os monxes do adxacente convento de San Agustín, reconvertido tamén en Casa de Cultura
A exposición virtual que aquí se amosa tamén pode verse en versión física, nos seis cubos que estarán situados en exterior, a partir do 23 de xullo, en seis puntos do camiño: no paseo de Caranza de Ferrol; no paseo de Xuvia de Narón; xunto ao albergue de peregrinos de Neda; ao pé da Casa do Concello de Fene; no Parque do Areal de Cabanas e na Alameda de Raxoi de Pontedeume.
Compartimos tamén unha escolma dos debuxos realizados nos diferentes obradoiros de «Viñetas do Camiño» e polas persoas que participaron na Andaina Debuxada.