O Concello de Fene presenta o proxecto Viñetas do Camiño ao resto dos concellos participantes

A concelleira de Turismo do Concello de Fene, Ana Basoa Rioboo, e o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, presentaron o pasado 5 de marzo o proxecto “Viñetas do Camiño: unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra” a responsables municipais dos restantes concellos da comarca polos que pasa a ruta xacobea. Os edís solicitaron a súa colaboración nalgunhas das actividades deste proxecto, enmarcado no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e dirixido a poñer en valor e promocionar o itinerario a través da ilustración e o traballo de recoñecidos artistas plásticos da zona.

A reunión contou coa presencia de Eva Martínez, concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico de Ferrol; Verónica Vigo e Soraya Fernández, concelleiras de Cultura e Turismo, respectivamente, do Concello de Neda; Diana Rodríguez e Iago Varela, tamén edís responsables das áreas de Cultura e Turismo do Concello de Cabanas; e Ángela Piñeiro e Yolanda Vázquez, do Concello de Pontedeume. Aínda que desculparon a súa presenza na reunión, acordaron tamén a súa colaboración na iniciativa os responsables municipais de Narón.

Tal como se lles explicou, o vindeiro día 12 de marzo vaise presentar publicamente o proxecto “Viñetas do Camiño”, nunha rolda de prensa que terá lugar no Museo do Humor. Botará a andar entón unha iniciativa que abranguerá diferentes actividades ata o mes de xuño.

Deja un comentario