O Concello de Fene participou activamente na Feira Primavera no Camiño, que a pasada semana arribou a Ferrol organizada pola Asociación de Municipios do Camiño Inglés. Todos eles estiveron presentes nun evento dirixido a promover unha ruta que tras a pandemia está tomando pulo de novo.
Obradoiros de todo tipo, actividades culturais, artísticas e mesmo varios showcooking foron algunhas das propostas desta feira na que Viñetas do Camiño acadou gran protagonismo, coa súa aposta para poñer en valor o percorrido cara Compostela a través do debuxo e da ilustración.
Na nosa caseta, os visitantes puideron coñecer de primeira man todas as actividades que temos desenvolvido no marco deste proxecto incluído no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Unha escolma do feito ata agora, con especial atención á Andaina Debuxada e aos nosos obradoiros, quedou reflectida nuns paneis informativos. Una morea de actividades recollidas tamén neste vídeo promocional estreado para a ocasión.
Pero Viñetas no Camiño aínda ten moito que ofertar. Nas vindeiras semanas, tódolos venres do mes de xullo, o ciclo Humor Peregrino achegará espectáculos musicais e monólogos da man de Ukestra do Medio -2 de xullo, 21.00 horas, Casa da Cultura-, Paula Carballeira coas súas “Historias de arrepío” -9 de xullo, 21.00 horas, Casa da Cultura-, Gala Martínez co monólogo “Son un monstro” -16 de xullo, 21.00 horas, Casa da Cultura- e The Teta’s Van -23 de xullo, 21.00 horas, praza do alcalde Ramón José Souto González-.
Precisamente, o día 23 de xullo estrearase unha mostra física coas obras que os nosos doce ilustradores fixeron para a ocasión. Os seus traballos quedarán repartidos nuns cubos situados nos seis concellos do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra. Estas obras tamén formarán parte dunha exposición virtual na que tamén se recollerá unha escolma dos debuxos dos “camiñantes” que participaron na Andaina Debuxada e que poderáse consultar nesta mesma web.