Yolanda Vázquez, concelleira de Turismo de Pontedeume
Pontedeume está de noraboa. Con 750 anos ás súas costas, a vila é un paradigma de modernidade e tradición. Mira cara ó futuro aferrada á súa historia e a un patrimonio que coida con esmero. O pulo que nos derradeiros anos colleu o Camiño Inglés é un motivo máis para lucir as súas mellores galas diante dos peregrinos que a visitan. Así o relata Yolanda Vázquez, responsable do departamento de Turismo dun deses Concellos implicados no proxecto Viñetas do Camiño promovido polo consistorio fenés.
Que lle ofrece Pontedeume ao visitante para ser un dos puntos máis turísticos da comarca?
Pontedeume conta cunha grande riqueza patrimonial, histórica e natural. En decembro do ano pasado cumpriuse o 750 aniversario da súa fundación e dende o departamento de Turismo tratamos precisamente de amosarlle a calquera visitante, sexa peregrino ou non, esa riqueza patrimonial; ademais da variedade e calidade da gastronomía ou da nosa contorna, con visitas guiadas polo casco antigo, andainas en torno ao castelo de Andrade ou a ermida de Breamo.
Recentemente desenvolvemos un proxecto de realidade aumentada no que, a través dunha aplicación móbil e unhas plataformas en distintos puntos da vila, pódese visualizar como era o Pontedeume da época medieval, a súa historia e a súa transformación. A que o conta é Margery Kempe, a primeira peregrina da que hai constancia que realizou o Camiño Inglés. Sen dúbida, o Camiño e a afluencia de xente que trae a noso pobo son a mellor oportunidade que temos para amosar todo o que pode ofrecer Pontedeume.
Que lle aporta o Camiño Inglés á vila?
Dende 2016 notouse un incremento exponencial no paso de peregrinos. En 2019 pasaron por Pontedeume máis de 7.000, e iso so os que visitaron a Oficina de Turismo, sen ter en conta os que puideron facelo sen usar os servizos municipais. De eles, máis de 3.500 hospedáronse no albergue. Só tendo en conta estes datos, pensar que por unha poboación con 8.000 habitantes pasen tantos peregrinos, ten moito mérito.
Ese incremento de peregrinos traduciuse nun impulso económico, social e cultural que se viu reflectido en tódolos negocios de hostalería que abriron en Pontedeume nos últimos tempos, en parte impulsados por esa necesidade de dar servizo e satisfacer a demanda de aloxamento que existía no pobo. Esperamos que a tendencia se recupere cando vaiamos superando as restricións provocadas pola pandemia e gracias ás iniciativas que se están a impulsar dende o Xacobeo, a Deputación e os propios Concellos.
De feito, nas derradeiras semanas nótase que os peregrinos volveron ao Camiño. Por exemplo, dende mediados de maio, pasaron a noite no albergue de Pontedeume máis de corenta deles. Superados eses meses de limitacións polo confinamento, a tendencia que se ve agora é que en torno ao camiño vólvese xerar dinamismo.
Como é o Camiño Inglés ao seu paso por Pontedeume?
Cando entra en Pontedeume, o primeiro que fai o peregrino é atravesar esa ponte de pedra e atopar a fachada marítima e a zona do porto. Despois, o Camiño atravesa a rúa Real, a praza Real, a praza do Pan, o Concello… E pasa a escasos metros dun dos nosos símbolos: a Torre dos Andrade, onde se atopa a oficina de turismo. Nela hai moita afluencia de peregrinos para selar as credenciais. Por certo, dende fai uns días, puxemos un servizo de credenciais con selos virtuais a través dunha aplicación.
Dende a Torre pódese ir á igrexa, á praza de San Roque, ao Convento de San Agustín… O bo que ten Pontedeume é que no seu casco histórico concéntrase moita historia, moito edificio e moito monumento emblemático no que se pode facer un percorrido dende a súa fundación por parte de Alfonso X ata os nosos días. Sen esquecer toda a riqueza natural que existe nas parroquias do entorno rural.
Que iniciativas manexa o seu departamento para dinamizar o Camiño Inglés neste Xacobeo 2021?
O día 3 inaugurouse unha exposición filatélica en colaboración coa Sociedade Filatélica da Coruña e a de Pontedeume. Nela faise un percorrido por todas as iniciativas a nivel postal, cunha mostra de selos relacionados co Camiño de Santiago. Así mesmo, editáronse dous selos conmemorativos. Un deles alude a esta exposición e cremos que é o primeiro da historia que fai referencia de forma explícita ao Camiño Inglés.
Por outra banda, o día 19 participaremos na Feira da Primavera, na que imos estar tódolos Concellos do Camiño Inglés. Colocaremos na praza de Armas un posto con información turística, levaremos unha mostra da nosa aplicación de realidade aumentada, instalaremos uns atrís informativos, faremos un “showcooking”…
E, por suposto, estamos a colaborar en Viñetas do Camiño, coa súa Andaina Debuxada promovida dende o Concello de Fene, que, ademais de ser unha iniciativa innovadora que combina unha parte deportiva e outra creativa, vai contar con ilustradores e debuxantes de moita calidade. No caso de Pontedeume, vai estar pintando Juanma Rubio, que é un dos pintores que viven na vila. E, por riba, Viñetas do Camiño é unha iniciativa que se fai de forma conxunta, con todos os Concellos remando no mesmo sentido, o que dá valor e xera cohesión entre todos eles tratando de facelo o mellor posible.
Pensando no futuro inmediato, que retos afrontan concellos como o de Pontedeume no que o Camiño Inglés se refire?
O que hai que facer é un esforzo, sobre todo, na dotación de infraestruturas e no feito de que a oferta de servizos sexa escalable. Atopámonos nun punto, xa sexa polo tema da dixitalización, da promoción…, no que hai que potenciar o Camiño Inglés coma unha vía de intercambio para o enriquecemento intelectual, social, cultural… Temos que por en valor esas sinerxías. Eses son os retos: Mellorar os servizos e as infraestruturas, que sexan coherentes e de calidade, e aproveitar o intercambio cultural.
Faga un chamamento para que se queda alguén que a estas alturas non o estea xa, se convenza para vir a Pontedeume.
So podo insistir nestas iniciativas en torno ao 750 aniversario da vila, Que aproveiten a oportunidade para acercarse, coñecelo e gozar da hospitalidade da xente. Anímoos a que participen en tódalas iniciativas, que visiten as Fragas do Eume e, sobre todo, que o fagan con responsabilidade, sendo conscientes da situación da que estamos saíndo, que temos que cumprir unhas normas e uns protocolos, pero que cada vez estáse a abrir máis o camiño cara a esa nova normalidade.