Encontro Ilustradores

Contará coa participación de cinco artistas que promoveron ou participaron en iniciativas de promoción do territorio e patrimonio do Camiño Inglés a través da creatividade.

O día 11 de xuño ás 20.00 horas no Museo do Humor debatirán sobre o feito ata agora e sobre a posibilidade de buscar novas fórmulas para dinamizar e dar a coñecer este itinerario xunto cos seus valores artísticos, culturais e naturais.

Falarán das súas experiencias

Calros Silvar

Humorista gráfico, caricaturista e debuxante de banda deseñada, especializouse no debuxo de natureza e como tal colaborou en diferentes guías de árbores e aves. Foi deseñador de produto do Grupo Sargadelos e realizou as Guías de Campo Baía Verde, de Baía Edicións, así como outras coleccións de Natureza para A Nosa Terra, e Tundra ediciones.

Beatriz Seijo

Discípula do pintor José González Collado, é a autora de “Un mundo chamado Fene”, editado pola Xunta. Conta con obra en diferentes institucións públicas, entre elas a Deputación de Pontevedra, os Concellos de Fene, Lugo ou La Bañeza, o Ministerio de Defensa ou a Fundación Caja de Ávila.

Elga Fernández Lamas

Esta deseñadora e ilustradora ferrolá triunfa co seu traballo na súa cidade e tamén en Valencia, onde reside desde hai anos. Compaxina o seu labor como cartelista ou como ilustradora de libros con creacións propias que fuxen do auto-odio e recrean de maneira colorista as tradicións da súa terra natal e da de adopción.

Blanca Escrigas

Blanca Escrigas é arquitecta de formación e acuarelista de vocación. Esta técnica pictórica é a que elixe para plasmar sobre o papel recunchos da comarca pero tamén retratos e esceas de surf, outra das súas paixóns. Estreouse tamén como autora de contos infantís con “Allá en los mares”, un libro ilustrado que ten tamén a súa propia banda sonora.

Eduardo Hermida

O 2008 supuxo o comezo do cambio para o barrio ferrolán de Canido, da man dunha intervención artística liderada por Eduardo Hermida que quería chamar a atención sobre o abandono que sufría. Inspirado polas Meninas de Velázquez, Hermida leva unha ducia de anos atraendo artistas a Canido e organizando un evento de street art recoñecido en toda Europa.