“Viñetas do Camiño” viaxará polos centros educativos de Fene. Do 20 de maio ao 10 de xuño desenvolveranse diferentes obradoiros, a cargo dalgúns dos ilustradores participantes no proxecto, nos que se lle amosarán ao alumnado técnicas básicas de debuxo, facendo tamén algunha saída fóra das aulas para poñelas en práctica.
Xunto cos obradoiros que terán lugar no Museo do Humor e en diferentes centros educativos de Fene, desenvolverase outra actividade, que levará por título “Pintamos o Camiño” cos usuarios e usuarias do Centro de Formación Ocupacional de Aspaneps de Fene. Neste caso, realizarán, con material de refugallo, un mosaico colectivo e un cubo no que se reproducirá o trazado do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra. A peza colocarase diante da Casa do Concello de Fene.
Estes obradoiros teñen como finalidade engadida implicar aos participantes na andaina e posterior exposición coa que se construirá o “Caderno de Viaxe” do proxecto.
O calendario de actividades é o seguinte:
–Museo do Humor, 20 de maio: o primeiro obradoiro estará dirixido a persoas adultas con certo coñecemento de deseño. Calros Silvar encargarase de dirixilo. A súa duración será de catro horas, a partir das 16.00 horas. Inscricións a través de vinetasdocamino@fene.gal.
–CPI A Xunqueira, 26 de maio: obradoiro impartido por Laura Bouza para un grupo de alumnos e alumnas de 6º de Primaria.
–Colexio Jorge Juan, 28 de maio: obrradoiro impartido por Carme Martín para un grupo de nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria.
–IES de Fene, 4 de xuño: obradoiro con Blanca Escrigas para alumnos e alumnas de 4º da ESO.
–CEIP Centieiras, 4 de xuño: obradoiro con Beatriz Seijo para alumnado de 5º de Primaria.
–CEIP O Ramo, 10 de xuño: obradoiro impartido por Dulce Anca a nenos e nenas de 5º de Primaria.