Cansos, pero moi satisfeitos, esta fin de semana completamos a primeira edición da Andaina Debuxada, actividade central do proxecto Viñetas do Camiño que promove o Concello de Fene no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Foron dúas tiradas intensas nas que percorremos os seis concellos do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra da man de once ilustradores da comarca que puxeron o mellor da súa creatividade en prol da promoción do noso patrimonio.
Cerca de sesenta camiñantes na primeira xornada e un chisco menos na segunda tomaron parte activa desta iniciativa na que contamos tamén, entre outros, con debuxantes urbanos chegados dende Santiago, alumnos dos centros educativos de Fene e integrantes de asociacións fenesas como as de O Pote, Agarimo ou Airiños, así como da Asociación de Fibromialgia de Ferrol ou a Asociación Sociocultural ASCM, que nos acompañaron nun treito do percorrido. Cómpre sinalar que tamén estiveron con nós o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os concelleiros de Cultura, Justo Ardá, e Turismo, Ana Basoa, durante toda a andaina, así como as edís Sandra Permuy e Marta Pereiro.
O peirao de Curuxeiras foi o punto de partida da nosa particular peregrinación artística, sempre mantendo as medidas de seguridade que impón a situación sanitaria e cos camiñantes repartidos en varios grupos.
Elga Fernández Lamas, nos Xandíns de Herrera, foi a protagonista da nosa primeira parada. A ilustradora agasallounos cunha persoal interpretación do Arsenal e tamén entregou á organización un lote das súas famosas postais e de cartaces co de buxo dun «buzo de Bazán», parte do seu traballo «Buzo Respect». A concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol, Eva Martínez, acompañou ao grupo nesta toma de contacto inicial antes de poñer rumbo a Caranza.
Alí, no paseo, á altura da ermida de Santa María, Blanca Escrigas bosquexou unhas acuarelas mentres que Isabel, a guía oficial da Xunta que nos acompañou nas dúas etapas, ilustrábanos sobre algúns pormenores do Camiño Inglés ao seu paso polo popular barrio ferrolán e sobre a historia dos estaleiros.
O Mosteiro de San Martiño de Xuvia, que Carme Martín plasmou nun espectacular óleo foi a terceira parada da xornada, xa en Narón. Coa artista esperaba ao grupo a alcaldesa daquel Concello, Marián Ferreiro.
Moitos representantes institucionais sumáronse puntual ou regularmente a esta andaina. De Feito, en Neda, as concelleiras de Cultura, Verónica Vigo, e Turismo, Soraya Fernández, exerceron de anfitrioas. Outros, como o alcalde fenés, Juventino Trigo, ou os edís de Cultura, Justo Martínez Ardá, e Turismo, Ana Basoa, foron dos que máis kilómetros meteron ao corpo.
En Neda, Leandro Lamas deulle cor ao Muíño das Aceñas. Os máis novos desfrutaron a esgalla en cada parada empeñados en encher os seus cadernos cos bosquexos cos que os agasallaron os ilustradores.
A Andaina Debuxada non só consistía en ver debuxar, senón en pasar á acción e coller o lapis e o papel para meterse en faena e por iso nos compraceu especialmente ver a moitos dos participantes deixando constancia cos seus trazos do seu paso polo Camiño Inglés. Unha escolma desas obras poderédela ver moi pronto na exposición virtual na que estamos a traballar e na que tamén amosarémosvos as dúas obras coas que nos agasallaron os ilustradores convidados.
O repouso para xantar no albergue de peregrinos de Neda foi o mellor pretexto para ver en acción a Calros Silvar, primeiro dos artistas que ilustrou a xornada da tarde.
Tras deixalo atrás, o grupo puxo rumbo a igrexa de San Nicolás, en Neda. O vento impediu a Cristian F. Caruncho debuxar nas súas inmediacións, pero os camiñantes puideron velo en acción nas casas con pórticos do núcleo histórico da vila. Logo trasladouse ata o santuario para, cunha paciencia infinita, atender todas e cada unhas das peticións que lle fixeron os rapaces.
Causas de forza maior impediron a Xaquín Marín compartir cos asistentes á Andaina Debuxada a derradeira parada prevista para o sábado, no Museo do Humor, aínda que si aportará dúas obras para a exposición. Con el, en total, Viñetas do Camiño reunirá 24 obras de doce artistas, que reproduciranse nas diferentes caras de seis cubos. Estes soportes para a exposición estarán situados nos seis concellos participantes e a mostra inaugurarase o día 23 de xullo, ás 21.00 horas, á carón da Casa do Concello.
Segunda Etapa: Fene-Pontedeume
Con moita calor, pero coas mesmas gañas que no día anterior, pouco despois das nove da maña os participantes na segunda etapa da Andaina Debuxada concentráronse o domingo na Fonte do Campo, preto do Museo do Humor de Fene, para dar comezo á xornada. O grupo afrontou con determinación un exixente recorrido que, despois de cinco horas e máis de once kilómetros, debería deixalo en Pontedeume. Unha nova etapa que, de novo, contou co respaldo dos voluntarios de Protección Civil -tanto de Fene como de Betanzos e Valdoviño-, que lle deron cobertura en todo momento.
O alcalde, Juventino Trigo; e os edís de Cultura -Justo Martínez Ardá- e Turismo -Ana Basoa- lideraron a marcha que fixo a súa primeira parada moi preto da casa do concello. Alí esperábaos a ilustradora Laura Bouza (LauDas Calamity Laboratorio de Creación Artística), cunha proposta que tiña, precisamente, ao consistorio fenés coma protagonista. A artista fixo partícipes aos camiñantes do proceso creativo coas súas explicacións sobre as técnicas empregadas ou os bosquexos previos.
Xunto ao Concello, algúns participantes aproveitaron para asinar co seu nome o cubo feito de encerados polos usuarios de Aspaneps para o proxecto Viñetas do Camiño, no que se desexa un «Bo Camiño» e se indica a distancia a cada concello desta ruta desde Fene.
Moi pretiño da parada ilustrada de Laura Bouza, Isabel, a nosa guía oficial da Xunta, deulles aos asistentes uns pequenos apuntes sobre o emprazamento no que se atopaban antes de emprender a marcha cara o Camiño de Mundín. Una pequena tirada que permitiu aos participantes desfrutar das preciosas vistas que dende alí hai da ría e Fene, presididas pola grúa pórtico.
Na segunda parada levaba xa un chisco traballando Beatriz Seijo, con dous “improvisados” modelos aos que retratou coma peregrinos. O seu estilo cativou á comitiva, coa que compartiu algúns dos seus segredos á hora de traballar ao aire libre.
Coas primeiras pingas da xornada, o grupo abandonou Fene para adentrarse en Cabanas. Alí, ademais de Dulce Anca, protagonista da terceira parada da xornada, recibiunos unha delegación da corporación municipal deste Concello, co seu alcalde Carlos Ladra ao fronte. Xunto con el, os concelleiros Eva García, Diana Sobral, Concepción Rodríguez e Iago Varela.
Dulce Anca compuxo nun abrir e pechar de ollos unha pequena representación da fonte do lavadoiro facendo fincapé na importancia do debuxo na xénese das súas obras e falándonos da experimentación que está a facer con novas técnicas e materiais.
Quedaba aínda unha boa tirada ata o destino final cunha reconfortante parada na praia da Madalena, tamén en Cabanas con Juanma Rubio traballando arreo cos seus pinceis para ofrecer unha panorámica da ribeira cabanesa. O artista departiu un bo rato cos participantes na andaina, moi interesados en ver como se daba forma a un “apunte” pictórico dende o seu mesmo comezo.
O certo é que o ilustrador andaluz afincado en Pontedeume estivo moi atarefado, xa que el mesmo puxo o peche a esta Andaina Debuxada cunha última parada no peirao da Confraría de Pescadores de Pontedeume, no que plasmou a ponte de pedra nunha acuarela inglesa.
Pero antes, na Alameda, as xoves mans de Hugo Feal abraiaron aos asistentes coa súa pericia. Aínda que xa un pouco cansos e afogados pola calor, non puideron escapar ao trazo firme do artista.
A vila, pola que o grupo paseou acompañado do seu rexedor, Bernardo Fernández Piñeiro; e as concelleiras de Cultura, Ángela Piñeiro; Turismo, Yolanda Vázquez; e Parroquias, Manuela García, dixo adeus aos nosos peregrinos coa promesa de repetir o vindeiro ano.