Temos case todo preparado para que esta fin de semana goces ao máximo desta experiencia artística, deportiva e cultural que será a nosa Andaina Debuxada. Sen embargo, para que a proposta sexa un éxito, necesitamos tamén que vós poñades un pouco da vosa parte para sacarlle o máximo partido sen sobresaltos.
Como sabedes, a situación sanitaria esixe que todos extrememos as precaucións para minimizar os riscos. Ademais, o feito de que a actividade discorra por lugares con tráfico rodado obrigaranos a prestar un pouco máis de atención. Nas dúas etapas contaremos con voluntarios de Protección Civil para axudarnos, así que seguide as súas indicacións.
Deixámosvos aquí algunhas recomendacións que deberedes ter moi en conta:
- Os participantes asumen os riscos que implica facer esta actividade na natureza e sen cobertura de risco.
- Haberá que atender ás recomendacións de Protección Civil, especialmente cando haxa que atravesar estradas.
- Debedes circular pola beirarrúa ou beiravía nas zonas de tránsito rodado.
- Faranse grupos burbulla dun máximo de vinte persoas para camiñar. Estes grupos manterán as distancias entre eles e non poderán ter contacto mentres dure a andaina. Ademais, a súa composición será inalterable.
- Dentro de cada grupo tamén haberá que manter as distancias interpersoais, agás conviventes.
- No xantar, distribuirémonos por zonas.
- Nos puntos nos que estean a pintar os ilustradores e ilustradoras estableceremos dúas quendas. Tamén aí haberá que manter as distancias.
- A máscara é obrigatoria.
Ademais, debedes ter en conta outras recomendacións propias de actividades ao aire libre. Así que non esquezas levar:
- Calzado cómodo.
- Gorro.
- Protección solar.
- Auga para hidratarse regularmente.
- Froita ou froitos secos.
- Un paraugas e un “peregrino” se as previsións dan choiva.
- Xantar individual para o día 12.
E, polo demais, so vos queda desfrutar!