Un proxecto como Viñetas do Camiño, que xorde en Fene e ten no debuxo o seu piar non podía deixar de contar con Xaquín Marín. Impulsor do Museo do Humor, segue a traballar a diario para explicar a realidade desde un punto de vista propio.
As viñetas, moitas delas plasmadas en medios de comunicación, son a forma máis axeitada para conxugar o contido crítico e o debuxo?
Facer caricaturas é un xeito de expresar ideas por medio de debuxos e textos, de maneira que coa mestura de ambos se pode concentrar nun pequeno espazo (viñeta) calquera faceta da vida, contemplada baixo o prisma do humor. Por iso, resultan un sistema ideal para transmitir ideas polos medios de comunicación, polo pouco espazo que ocupan, pola rápida difusión e a efectividade da imaxe reforzada por uns textos.
Coñecido polas súas bandas deseñadas, ten moitas outras facetas. Con cal comezou e por cal se decanta?
Nun principio ía para pintor, pero un pintor cuxo principal obxectivo era comunicar ideas, cousa que non gostaba demasiado aos críticos. Logo fun ou foron convencéndome de que para iso era mellor o cómic, xa que as imaxes engadían movemento e textos, o que facilitaba a difusión cara ao gran público. Logo, da sucesión de viñetas (cómic), pasei ao máis sinxelo, inmediato e publicable: as viñetas, coas que, aínda facéndoas diariamente desde hai máis de 50 anos, estou coma peixe na auga sen plásticos.
Nestes tempos de pandemia, e en moitos outros ao longo da historia, non desapareceron as tiras cómicas ou as viñetas, cun fondo crítico. Que aporta o humor nestes momentos?
En tempos difíciles, e estes sono dabondo, o humor é fundamental, xa que permite desdramatizar situacións, enfocar os asuntos graves cunha ollada diverxente, buscando aspectos positivos, ou polo menos as facetas máis asumibles.
Foi mestre de moitos outros artistas e a súa faceta didáctica acompañouno na súa traxectoria. Que quere terlles aportado aos seus alumnos, segue a ensinar?
Din clases e cursiños en Fene, Narón, Ferrol, As Pontes… e en numerosos colexios, institutos e asociacións a nenos, adultos, mestres… A miña intención non era facer artistas excelsos, senón máis ben que aprenderan a amar o debuxo e todo o que pode aportar: harmonía, sensibilidade, equilibrio… sen esquecer o manexo dun idioma universal, e sempre procurando mentalizalos de que debuxar é doado para todo o mundo a pouco que se perda o medo a aprendizaxe.
Onde naceu a paixón polo debuxo e o humor de Xaquín Marín?
O meu pai era mestre, e cada mañá poñía na pizarra, para que traballaramos, un relato cunha ilustración. Ao tempo, a miña nai, cando ía a Ferrol, traía sempre moreas de tebeos: TBO, DDT, Hazañas Bélicas, Roberto Alcázar e Pedrín, El guerrero del antifaz, etc. E para o meu pai: La Codorniz, Don José ou El Español (coas impresionantes ilustracións de Lorenzo Goñi). Así era imposible non coller gusto polo debuxo e polo humor.
Quedan todavía tabús á hora de facer humor gráfico?
Sempre houbo e haberá. Na casa podes facer calquera cousa, pero para publicar tes que pensar para quen traballas, para que receptores, e tratar de xogar a facer equilibrios na liña vermella de poder dicir o que queres sen ofender aos demais
Como ve as novas xeracións, hai canteira?
Hai unha perda evidente do xeito de ser dos galegos, unha perda da paisaxe, da estética, do humor peculiar que tiñamos. Pola contra, este baño de universalidade trae xente nova con máis profesionalidade, cunha técnica moito máis depurada, con máis presenza no mundo.
En que proxectos anda agora?
Os meus proxectos son xa a curto prazo, non teño máis tempo. Hai un libro, unha exposición, pero sobre todo os debuxos que sairán mañá.
Nesta iniciativa de Viñetas do Camiño téntase potenciar Fene e as rutas pola zona e mesturalo coa arte dos debuxantes, que lle parece a combinación?
É unha boa iniciativa, polo novedosa e creativa, polo que pode aportar na promoción do Camiño Inglés, de Fene, do Museo, da nosa terra e dun xeito distinto de ver as cousas.
Que poden ofrecer os artistas ao participante?
A mirada diverxente, o apreciar detalles que poderían pasar desapercibidos a outros, axudar a botarlle imaxinación e arte ao camiño.
Xa sabe onde estará a debuxar e que pensa facer?
Non sei aínda se estarei na camiñada, de facelo será nos arredores do Museo. Non estou para moitos trotes, ademáis é un hábitat que coñezo de moito antes de existir o Museo. E aínda non sei o que farei, coido que utilizarei os símbolos do Museo.
Se non Fene en concreto si Galicia é o contexto no que se desenvolven as súas historias. Hai que ter un referente propio para facer humor gráfico?
A inspiración pode ser de Fene, de Galicia, do camiño, do mundo ou mesmo imaxinación pura.
Que se pode descubrir nestas andainas e co contacto cos profesionais da arte?
Sempre resulta enriquecedor convivir cos compañeiros de profesión, que seguro que aportan vivenzas, técnicas, información ou mesmo anédoctas interesantes.