Eva Martínez, concelleira de Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol
Eva Martínez é a concelleira de Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol. Coa súa compañeira de Turismo, Mayte Deus, lideran as políticas de recuperación do Camiño Inglés, centradas nestes momentos na posta en valor da primeira milla da ruta.
-Que consideración merece o Camiño Inglés dentro das políticas do Concello de Ferrol?
O Camiño Inglés é un dos piares sobre o que se sustentan as nosas políticas de posta en valor do patrimonio desde unha perspectiva transversal. É un dos principais referentes turísticos pero non só está vinculado a este sector, senón tamén ao cultural, urbanístico, etc.
Tendo en conta que este ano e o que vén son Xacobeos, aínda coas limitacións actuais estamos traballando en iniciativas relacionadas directa ou indirectamente co trazado ao seu paso por Ferrol. Así, temos constituído un grupo no que están todas as entidades e institucións da cidade vinculadas ao Camiño cun sistema de traballo en rede que axuda a conseguir mellor os obxectivos. Agora temos a meta do curto prazo coa celebración do Xacobeo, pero a vocación é de permanencia no tempo.
-En que actuacións concretas está a traballar?
Sen desmerecer o resto do trazado, queremos poñer en valor a primeira milla do Camiño Inglés en Ferrol, que ten uns elementos de patrimonio histórico moi importantes na zona de Ferrol Vello e que mesmo forman parte da proposta de candidatura a Patrimonio Mundial, pero tamén o Modernismo de Ucha e moitos outros elementos que se atopan no Camiño ou son moi visibles desde el.
A nosa intención é potenciar o Camiño Inglés como ruta marítima, porque é o único que discorre por mar desde Inglaterra e o norte de Europa. Xunto coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés estamos a facer un esforzo de promoción coa intención de que chegue tamén a Inglaterra e Francia. A través da colaboración coa Autoridade Portuaria e outros portos de Europa temos que poñer o acento en facilitar o atraque dos barcos que realicen a ruta como unha das formas de promocionar o itinerario, algo ao que tamén contribuirá a posta en marcha do ansiado albergue de peregrinos no vindeiro ano 2022.
-Que lle parece o proxecto de Viñetas do Camiño?
Estamos preparando a Primavera no Camiño, cuxa organización corresponde este ano ao Concello de Ferrol, para o 19 de xuño, deseñando actividades para esa data e as que a rodean. E aquí ten especial relevancia o proxecto de Viñetas do Camiño, unha idea que non só me parece atraente senón que complementa a iniciativa que xa realizamos pouco antes da pandemia para pintar, con Eduardo Hermida e outros artistas, unha serie de murais en Ferrol Vello. Este ano retomaremos ese proxecto, e tamén a utilización do lapis como elemento artístico na ruta, en homenaxe á desaparecida Fábrica de Lapis.
Esta é unha zona de moi bos artistas e a proposta de Viñetas do Camiño de divulgar a ruta a través da súa visión resulta moi interesante. Por iso cando se nos presentou o proxecto non o dubidamos, e xunto coa concelleira de Turismo decidimos onde se situarían os debuxantes do noso tramo: Elga Fernández estará no contorno do Parador e Blanca Escrigas no Paseo Marítimo de Caranza. Será o día 12, polo que aproveitaremos esta actividade como complemento das organizadas para Primavera no Camiño.