Viñetas do Camiño é un proxecto para debuxar o Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra. Co devezo de alentar o espíritu artístico de pequenos e maiores, o calendario de actividades deseñado polo Concello de Fene, -no marco da segunda edición do programa «O Teu Xacobeo» da Xunta de Galicia-, inclúe unha serie de obradoiros nos que seis dos artistas que participarán tamén na Andaina Debuxada, os días 12 e 13 de xuño, amosarán técnicas para debuxar a paisaxe e as xentes.
O programa de obradoiros comezará o día 20 de maio cunha sesión que correrá a cargo de Calros Silvar e que estará dirixida ao público adulto. A sesión será no Museo do Humor, ás 16.00 horas, e faise coincidir co Día dos Museos. Estímase que a actividade durará unhas catro horas e a convocatoria é para persoas que teñan xa un certo coñecemento do debuxo e a ilustración. É preciso realizar a inscrición previamente, escribindo ao correo electrónico vinetasdocamino@fene.gal.
Nos colexios
Os seguintes obradoiros serán en diferentes centros educativos de Fene, con grupos de alumnos e alumnas de diferentes idades. Así, Laura Bouza amosará técnicas de debuxo no CPI A Xunqueira, o día 26 de maio, a nenos e nenas de 6º de Primaria. O 28 de maio será Carmen Martín quen imparta un taller a alumnado de 5 e 6º de Primaria do colexio Jorge Juan. Blanca Escrigas atoparase con rapaces e rapazas de 4º da ESO no IES de Fene, o 4 de xuño, o mesmo día que Beatriz Seijo impartirá o seu taller creativo a alumnos de 5º de Primaria do CEIP Centieiras. Por último, Dulce Anca será a mestra de debuxo dun grupo de 5º de Primaria do CEIP do Ramo o 10 de xuño.