Sede do primeiro dos albergues públicos situado na ruta do Camiño Inglés cara Compostela, Neda acolle aos peregrinos no que para moitos é a etapa inicial do seu itinerario. “Neda está no teu camiño”, promocionan dende o consistorio nedense convencidos de que, tal e como asegura a súa edil de Urbanismo e Cultura, Verónica Vigo, Neda ten moito que ofrecerlle ao Camiño Inglés e este moito que aportar a un dos concellos máis pintorescos da contorna.
Trala paréntese que supuxo a pandemia no 2020 para o Camiño de Santiago, estase a notar neste ano unha recuperación do fluxo de peregrinos?
Si, pouco a pouco vaise notando que regresan os peregrinos, aínda que estamos lonxe dos números de antes. Dende hai un tempo, o Camiño Inglés colleu pulo e o aumento de peregrinos que escolleron este tramo do camiño Santo para chegar a Santiago incrementouse notablemente. No 2019 computamos 5.000 peregrinos, 2.500 deles repousaron no Albergue de Neda. O 2020 non fai proba, pero vaise notando unha pequena recuperación.
Que pode ofrecer ao visitante o Camiño Inglés ao seu paso por Neda?
A ruta de Neda é un plácido e fermoso paseo de cinco kilómetros que se inicia xunto ao albergue de peregrinos público que ten a Xunta neste concello. Un camiño de lousas e pasarelas de madeira que salvan as marismas do Río Belelle, unha das escasas zonas húmidas coas que conta a ría de Ferrol. Pódese visitar a igrexa barroca de Santa María de Neda, co seu Cristo da cadea, unha talla gótica situada no retablo maior de estilo Tudor e que chegou a Neda no 1550 a bordo dun barco británico que fuxía das persecucións anglicanas.
Se accedemos á rúa Paraíso, que enlaza coa rúa Real, vemos un trazado medieval, flanqueado por vivendas porticadas dos séculos XVII e XVIII. Na parte alta agarda por nós a torre do reloxo, de 1786. Fixada a ela e á casa consistorial atópanse os restos do hospital de peregrinos de Sancti Spiritus, fundado en 1500 por Margarita Fernández do Vilar e o seu home. Tamén se pode visitar a igrexa de San Nicolás, que ten no adro un dos cruceiros máis antigos de Galicia, xunto co de Melide. Seguindo cara o Regueiro, Puntal arriba, e Conces chegamos a Fene, percorrendo un treito coas mellores vistas da ría de Ferrol.
Pero Neda é moito máis que o Camiño. Tamén hai lugares emblemáticos como a capela do Espírito Santo, a da Merced, a igrexa dos Remedios, o Castro de Ancos e o mirador do mesmo nome, cunha vista inigualable de Ferrol, Narón e Neda. Para nós, o Camiño Inglés tamén é un bo reclamo para productos propios senlleiros como o pan, e o feito de ter un albergue case onde comeza a ruta danos moita sona.
Qué iniciativas contemplan dende o Concello de Neda para promocionar o Camiño Inglés?
Temos en marcha un proxecto con Carlos García, que é un artista nedense que, ademais de debuxante, fai tallas. Vainos facer unhas tallas móviles que se van colocar ao longo de tódolo percorrido do Camiño de Santiago por Neda. Ademais, imos colocar uns bancos cun código QR que ao escanealo aportará información xeral sobre o Camiño Inglés. Tamén temos proxectados, aínda que ao mellor non somos quen de executalos este ano, uns murais deste mesmo autor para acomodar na ruta. Este é un tema complicado por cuestións de alteracións do patrimonio, así que precisa de moitas autorizacións.
Queremos facer tamén actos culturais, algún tipo de concerto, como “Cultura no Camiño”. Pero neste caso estamos a expensas e condicionados por como evolucione a pandemia e o que se poida facer ou non este verán.
Moitas das iniciativas que manexan están estreitamente vencelladas coa arte, cre que son dous ámbitos ligados?
O ámbito turístico, o cultural, o artístico, van estar sempre unidos e promóvense mutuamente. A cultura e o Camiño de Santiago sempre están vinculados e calquera actividade que se dea neste ámbito será unha proxección estupenda e recíproca. Porque aínda que moita xente faga esta peregrinación por cuestións espirituais, sempre agradece o enriquecemento cultural que lle podamos aportar dende cada un dos Concellos.
Neste senso, cómo valora o desenvolvemento de proxectos como “Viñetas do Camiño”?
Creo que é unha iniciativa estupenda. Aínda que a promove o Concello de Fene, tódolos Concellos do percorrido estamos a colaborar. Ter a estes artistas aquí debuxando é unha moi boa promoción e, además, a andaina dos días 12 e 13 de xuño atraerá moita xente.
Eu animo a todos eles a que veñan a Neda con calma para pasar uns días e observar tódalas cousas que temos. Dende o Belelle ata a ruta dos muiños ou a zona da ribeira. Neda é un pobo que está preto de todo. Vívese coas comodidades do campo, pero é un lugar moi accesible e conta con tódolos servicios.