Os escolares de Fene dan forma ao Camiño Inglés coa axuda dos nosos ilustradores

O proxecto «Viñetas do Camiño«, que as concellerías de Cultura e Turismo de Fene están a desenvolver no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, ten como un dos seus obxectivos implicar aos veciños da comarca no proceso creativo como unha forma de poñer en valor o patrimonio material e inmaterial vencellado ao Camiño Inglés.

Para elo, moitos dos ilustradores que participan no proxecto prestáronse a traballar directamente tanto cos alumnos dos centros educativos do Concello de Fene como, de forma máis específica, con afeccionados á pintura dispostos a ampliar os seus coñecementos.

Técnicas de debuxo ao natural (Calros Silvar)

O resultado desta proposta é un ciclo de obradoiros que arrancou a pasada semana cunha clase de técnicas de debuxo ao natural impartida por Calros Silvar. O ilustrador ferrolán compartiu con eles indicacións básicas para mellorar a súa competencia antes de lanzárense á acción na contorna do río Cádavo. A tarde resultou de moito proveito á luz dos bocetos que varios dos participantes compartiron connosco.

Estes son algúns deses traballos que fixeron durante a actividade Rubén Darío Rodríguez Fabal e Xan Xe Corral, dous dos participantes.

«O debuxo no Camiño, distintas formas de ollar» (Laura Bouza)

Tamén moi creativos amosáronse os alumnos de 6º de Primaria do CPI A Xunqueira, aos que Laura Bouza puxo a traballar arreo en busca do mellor encadre para os seus debuxos. Ese era o obxectivo dun obradoiro que, baixo o título “El dibujo en el Camino, distintas formas de mirar”, trataba de que adestraran o ollo para sacar o máximo partido do encadre e da súa capacidade de observación ao detalle.

Os seus visores “cuncha-vieira” foron a ferramenta perfecta coa que enfrontárense á contorna e buscar o mellor retallo dela.

«Cinco pequenos murais de cinco lugares do Camiño Inglés» (Carme Martín)

Carme Martín chegou ao CPR Jorge Juan disposta a que os alumnos de 5º e 6º de Primaria manchasen ben as mans nun divertido proxecto colectivo no que lles propoñía reproducir ao seu xeito vistas aéreas de varios puntos do Camiño.

Algunhas explicacións, un chisquiño de pintura por aquí e por aló e os rapaces e rapazas convertiron o obradoiro «Cinco pequenos murais de cinco lugares do Camiño Inglés» nunha explosión de cor.

Nos próximos días, a actividade nos centros educativos terá continuidade coa visita doutros dos ilustradores embarcados en «Viñetas do Camiño». Mañá mesmo, Blanca Escrigas estará no IES Fene e Beatriz Seijo no CEIP Centieiras; e xa a próxima semana, o xoves 10, Dulce Anca porá fin a este ciclo de obradoiros no CEIP O Ramo.

Deja un comentario