O Concello de Fene abre o prazo de inscrición na “Andaina Debuxada” que terá lugar os días 12 e 13 de xuño polo Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra. Trátase da actividade central do proxecto “Viñetas do Camiño”, que as concellerías de Cultura e Turismo están a desenvolver no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, e consistirá en percorrer a ruta en dúas etapas, durante a xornada do sábado 12 e na mañá do domingo 13 de xuño, de Ferrol a Fene e de Fene a Pontedeume, con paradas para debuxar ou ver debuxar a diferentes artistas.
Nos vindeiros días distribuiranse polas entidades sociais e instalacións municipais de Fene os trípticos informativos sobre a Andaina Debuxada, nos que haberá cumprida información sobre a actividade, así como sobre os lugares nos que estarán debuxando os e as artistas que colaboran en Viñetas do Camiño: Elga Fernández Lamas (nos Xardíns de Herrera), Blanca Escrigas (en Santa María de Caranza), Carmen Martín (no mosteiro de San Martiño de Xuvia), Leandro Lamas (no muíño das Aceñas), Calros Silvar (no albergue de Neda), Cristian F. Caruncho (na igrexa de San Nicolás), Xaquín Marín (no Museo do Humor), Laura Bouza (na Casa do Concello de Fene), Beatriz Seijo (no Camiño de Mundín), Dulce Anca (na Fonte de Santa Lucía), Juan Manuel Rubio Lozano (na praia da Magdalena e despois na Confraría de Pontedeume) e Hugo Feal (na Alameda de Pontedeume).
O Concello disporá autobuses para facilitarlles a volta ás persoas que participen na andaina. O primeiro día, o sábado, o autobús irá de regreso desde a Casa do Concello de Fene ata o peirao de Curuxeiras, o punto de partida do percorrido, facendo paradas na Casa da Cultura de Neda, a Ponte de Xuvia, a praza do antiga Casa do Concello de Narón, a rotonda de Megasa e Caranza. O segundo día, domingo, o itinerario de regreso chegará desde Pontedeume ata Fene, que ese día será o lugar de saída, facendo unha parada en Laraxe.
As persoas que queiran empregar o autobús de regreso terán que inscribirse antes do 7 de xuño enviando un mail a vinetasdocamino@fene.gal no que haberán de indicar o nome e apelidos das persoas participantes, un teléfono de contacto e a parada na que baixarán do bus.
Desde o Concello de Fene subliñan que haberá moitas maneiras de participar na Andaina Debuxada. Así, quen queira poderá facer algún treito de calquera das etapas, buscar o seu propio lugar para debuxar ou visitar o punto no que estará o artista que sexa do seu interese. No seu momento detallaranse tamén as medidas de hixiene sanitaria que sexan precisas.
Nas dúas etapas da Andaina Debuxada haberá un servizo de guía oficial especializado da Xunta, que acompañará ao grupo e presentará aos diferentes artistas nas paradas previstas, ofrecendo tamén explicacións sobre o patrimonio material e inmaterial arredor do Camiño Inglés.