«O Camiño Inglés sitúanos no mapa. É unha porta de acceso para que a xente coñeza Cabanas»

Iago Varela, tenente de Alcalde do Concello de Cabanas

O Camiño Inglés cara Compostela é un reclamo en si mesmo, pero para moitos dos Concellos que percorre tamén supón unha gran oportunidade para dar a coñecer tódalas súas potencialidades culturais e turísticas. Nesta liña afonda Iago Varela, Tenente de Alcalde de Cabanas, ao falar das bondades doutro deses Concellos implicados no proxecto “Viñetas do Camiño” que promove o Consistorio fenés.

Que vai atopar o peregrino ao seu paso por Cabanas no camiño cara Compostela?

O Camiño Inglés entra en Cabanas polo polígono de Vilar do Colo e vai percorrendo un treito da parroquia de Laraxe ata chegar a San Martiño do Porto. Despois avanza pola zona vella do concello para pasar á zona urbana antes de atravesar a ponte cara Pontedeume. Os seus principais atractivos son as vistas que ofrece e a historia. Vistas porque nos permite acceder a “balcóns” naturais que nos dan unhas panorámicas estupendas de toda a ría de Ares: Pontedeume, Redes… incluso vése A Coruña coa Torre de Hércules. É espectacular. Pero tamén achéganos á historia do Concello e sitúanos preto da Casa Grande e da Igrexa de Santo André.

Que lle aporta o Camiño Inglés a un Concello como o de Cabanas?

O Camiño Inglés sitúanos no mapa, pero nós o que queremos ofrecer á xente é unha porta de acceso para, dende alí, coñecer mellor todo o concello. É certo que o Camiño pasa moi preto da praia da Madalena, que é un dos nosos grandes reclamos turísticos, pero ofrécenos tamén a posibilidade de coñecer un Cabanas máis descoñecido, un Cabanas interior, que é unha porta cara ás Fragas do Eume; máis verde, máis natural que o habitual e sen vehículos. Como dicía, o Camiño Inglés sitúanos no mapa para despois ofrecerlle aos visitantes unha serie de opcións para desfrutar deste Concello e quedar aquí uns días.

Como se está a promover dende o Concello de Cabanas o Camiño Inglés neste ano Xacobeo?

Estamos participando en tódalas iniciativas nas que se fala do Camiño Inglés, que cada vez está máis de actualidade. De feito, acudiremos próximamente á Feira de Turismo FITUR, na que se vai facer unha presentación do Camiño Inglés. A maiores, colaboramos con iniciativas como a de Viñetas do Camiño. En verán aproveitaremos as festas de Santa Marta, que son o evento máis grande do Concello de Cabanas, para facer referencia tamén ó tema. A idea é ofrecerlle á xente algo que facer neste concello.

Cabanas colabora coa iniciativa “Viñetas do Camiño” promovida polo Concello de Fene, como valora este tipo de propostas?

Parécenos unha idea fantástica. Moi atrevida, moi diferente, moi novidosa. Creo que vai abrir a porta a que a xente veza un Camiño Inglés diferente a través da pintura e dos ollos de artistas moi coñecidos e consagrados na comarca.

Para rematar, que lle diría a tódolos visitantes que se acheguen a Cabanas?

Convidaríaos para que veñan con tempo e poidan combinar as distintas cousas que lles ofrece este concello. Por unha banda historia, cun percorrido que nos leva dende os primeiros asentamentos cos petróglifos, ata o século XXI; pasando polo Modernismo ou o Cabanas indiano coa ponte de ferro do ferrocarril. Pero tamén natureza, que é distinta en cada parroquia: Temos fragas, muiños… Hai noito de Cabanas para coñecer.

Deja un comentario