«Neste Xacobeo 2021 temos que situar a Fene no lugar que merece»

Ana Basoa, concelleira de Turismo de Fene

Envorcado coa promoción do Camiño Inglés neste Xacobeo 2021, o Concello de Fene abandeira co seu proxecto “Viñetas do Camiño” a actividade cultural e artística na comarca arredor deste tramo do percorrido cara Compostela. Unha iniciativa ambiciosa e multidisciplinar coa que, como asegura a concelleira de Turismo da localidade, Ana Basoa, preténdese “colocar a Fene no lugar que merece”.

Tras un 2020 para esquecer, o Camiño Inglés colle pulo grazas a iniciativas coma “Viñetas do Camiño”.

Tíñamos moitas gañas de festexar este Xacobeo 2021 e estamos a traballar moitísimo para potenciar o tramo do Camiño Inglés, porque é unha oportunidade para situar Fene no lugar que merece. Con “Viñetas do Camiño” o noso obxectivo é por en valor tanto o patrimonio material como inmaterial da zona e creo que o estamos a acadar. Tivemos que pechar algúns obradoiros porque inscribiuse moita xente, os centros educativos están a ser moi participativos e os usuarios do Centro Ocupacional Aspaneps están traballando tamén moi intensamente sobre o proxecto “Pintamos o Camiño”. De feito, a Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, felicitounos cando nos visitou porque pareceulle un proxecto moi ambicioso e, ademáis, asegurounos que, de tódolos que vira ata o momento, era o único ao que non se lle escapara nin un só detalle.

Viñetas do Camiño” é un exemplo de que a xestión turística e cultural retroaliméntanse, pero dende que outras perspectivas abordarán a promoción do Camiño Inglés ao seu paso por Fene?

Cultura e Turismo non é que poidan, é que deben ir da man sempre. A maiores, temos en mente mellorar as infraestruturas, os servizos e afondar na promoción deste tramo. Hai unha parte, cara o final, cara Vilar do Colo, que temos que acondicionar, porque nos meses da pademia estivo un pouco abandonado e hai que preparalo de novo. Xa temos unha subvención para poñer luz, bancos, desbrozalo…

Qué lle aporta o Camiño Inglés a Fene?

Aporta paz, tranquilidade… unha vez que ves a Fene e fas o tramo, o que queres é repetir, ampliar a experiencia. É un percorrido que permite ao peregrino descubrir unha zona urbana pero, ademáis, unha paisaxe natural que permite gozar dunhas fantásticas vistas da ría de Ferrol e do son da auga e os contrastes que ofrece a cor cambiante da vexetación arbórea que imos atopando. E, insisto, por suposto, unha tranquilidade absoluta que nos enche de paz interior.

Pero Fene é moito máis que o Camiño Inglés, cales son as liñas de accións que seguen para dalo a coñecer?

Queremos converter Fene nun referente turístico. Temos montes, temos praias e un impresionante legado indiano cunha arquitectura que contrasta coa de principios dos anos 80. Podemos destacar a Casa da Maleta ou o edificio do Cine Adriano, que ademais están envoltos por unha contorna envidiable. Fene é un lugar cun impresionante contraste de paisaxes, co azul e verde dos nosos mares e montes. Ademais do Camiño Inglés, hai outra ruta que para nós é imprescindible, que é a que transcorre dende o núcleo rural de Marraxón ata a central eléctrica da Fervenza. É unha senda peonil dividida en tres treitos que nos achega a unha catarata que é digna de ver.

Gostaríanos facer rutas arquitectónicas, pero tamén outros eventos culturais vencellados á auga e as lavandeiras de Sillobre e Barallobre. Con Fene Vivo queremos tamén potenciar a gastronomía e desenvolver actividades vinculadas ao marisqueo, potenciando o noso sabor a mar. Que o visitante vexa Fene dende unha pespectiva gastronómica.

Antes falaba das praias de Fene. O mar é, en xeral, un dos grandes atractivos turísticos do Concello?

As praias atópanse nas parroquias de Limodre, San Valentín, Barallobre ou Maniños. Son pequeniñas, pero teñen moito encanto porque dende elas pódese ver tanto o amencer como o solpor, que é algo moi característico. Ademais, pódense practicar moitos deportes náuticos como o piragüismo ou a vela. E, por suposto, pódese gozar da gastronomía que o mar nos brinda. Dentro do proxecto Fene Mar Vivo queremos apostar por algo distinto e, cando o tema do covid nolo permita, faremos unhas rutas en barco polo mar de Fene, para que a xente poida disfrutar de música en directo mentres degusta os nosos productos, que temos un bo marisco na ría. Para nós é tamén un xeito de axudar á Confraría de pescadores nestes tempos tan difíciles.

Deja un comentario