Leandro Lamas: «Sempre digo que me dedico a isto grazas a que coñecín a Xaquín Marín»

É difícil falar, e máis todavía ver a súa obra, sen recoñecer a Leandro Lamas, pero como comezou neste mundo da ilustración e da arte?

Pois aló polo ano 1997 realicei a primeira expo, no Café da Vaca (Ferrol) e, ao pouco, na galería Sargadelos. Desde entón fun leando unha cousa con outra e cando me dei conta, estabamos no 2021.

A súa obra é moi significativa e da súa man, ou alomenos da súa inspiración, xurdiron outros debuxantes, pero cales foron os seus referentes?

Eu sempre digo que me dedico a isto grazas a que coñecín a Xaquín Marín. Fun a unhas aulas que impartía e ademais de aprender, comecei a admiralo máis e converteuse no meu principal referente. Ademais del, hai moitos outros, artistas dos que sempre se aprende.

É evidente que esa cor e esas personaxes que protagonizan as súas escenas son moi particulares. Que é o que non pode faltar nunha obra súa?

Nunca faltan os seres vivos.

Máis alá dos cadros, traballa cada vez máis con gran formato, como son os murais…Prefire agora ese soporte ou é indiferente onde se pinte?

Agradezo ir variando, por saír de vez en cando do obradoiro pero realmente, onde máis cómodo estou é alí, no meu taller.

Nas súas pinturas conta historias, e agora, mesmo fai obras por encargos para plasmar as vivenzas doutros. Como comezou esta faceta?

Pois unha vez alguén me fixo unha encomenda, quería unha obra personalizada e a raíz desta, saíu outra, e outra…

Tamén está moi vinculado co teatro, hai alguna relación entre esas dúas caras súas?

O teatro ten infinitas posibilidades… desde a parte máis estética até a máis ética… Paréceme marabilloso facer teatro e ver como da nada vai saíndo unha obra con todo o que supón: a posta en escena, a música, a escenografía… Ver como vai medrando é flipante.

Agora participa na iniciativa “Viñetas do Camiño”. Fixera algo parecido?

Pois paréceme unha iniciativa ben interesante e nunca fixera algo parecido, a verdade.

Sendo da zona coñece perfectamente a contorna, percorreu o Camiño? Que destacaría el?

Nunca fixen o Camiño pero ten que ser unha experiencia ben interesante.

Onde estará a pintar na andaina e que quere amosar ao camiñante?

Estarei nas Aceñas. Espero que a iniciativa sexa enriquecedora, porque sempre o é falar co público, especialmente para alguén que bota tanto tempo pintando en solitario.

En que proxectos está a traballar agora ou nun futuro próximo?

Pois polo momento sigo centrado ns obras personalizadas, porque teño bastantes encargos.

Deja un comentario