Dicir Laura Bouza é falar de Laudas Calamity, todo un referente xa da arte e o ensino artístico da comarca. Tamén forma parte dos artistas que deixarán a súa pegada no Camiño Inglés
Que significa para vostede o seu espazo “Laudas Calamity” e de onde vén o nome?
Pois xa van case seis anos desde que abriron as portas do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, e pouco a pouco foise consolidando como espazo que xira arredor da arte e a cultura. Moitos dos alumnos e alumnas que comezaron daquela hoxe están estudando Belas Artes, e claro, cando convirtes a tua paixón en traballo… Agora non me imaxino sen Laudas porque forma parte da miña vida.
O nome vén de cando estaba no segundo ano do máster de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual en Pontevedra e investigaba a creación de híbridos entre a tira cómica e a animación. Foi aí cando naceu Laudas Calamity, como personaxe protagonista das curtas de tira cómica animada; logo cando abrín o laboratorio collín ese nome porque lle tiña moito cariño e pareceume boa idea darlle continuidade.
Moitos coñecen o seu traballo a través dos murais, mais esa é so unha das súas facetas, xa que traballa mesmo a animación ou a tira cómica. Con que rama da arte se sinte máis cómoda e identificada?
Na actualidade o meu labor é interdisciplinar, traballo desde a pintura, experimento con novos materiais… ata facendo os xa coñecidos Discaparates, que é un modo de sacar o laboratorio a rúa. Porén a disciplina que maiormente desenvolvo e da que gozo máis é o debuxo, pola súa inmediatez e pola capacidade de achado continuo que permite. No debuxo o fundamental reside no proceso propio de mirar, achéganos e fainos identificar co artista. A experimentación acompaña todo o proceso de creación e converte cada experiencia de debuxo en única. É algo procesual, adéntranos na mirada e sentir sensible da cada artista e é unha grande ferramenta de comunicación.
A docencia é parte do seu día a día. Como se consegue atraer á xente cara o mundo do arte?. É máis valiosa unha boa técnica, unha idea, un interese…?
Todo é importante pero de maneira especial tes que transmitir paixón polo que ensinas. O alumnado quere ter o seu espazo para poder expresarse e comunicar as súas ideas. É necesario achegar a xente nova ao arte, que coñezan a historia, que aprendan a contextualizar, que se fagan preguntas, que atopen o seu camiño… Non teñen que ser “Picassitos” para que poidan gozar dos procesos de creación, da vida dos artistas. Hai que fomentar a creatividade, o debuxo, a cor… Hoxe en día énchesenos a boca falando da educación do futuro e de que os rapaces e rapazas teñen que ser creativos, saber dar respostas múltiples…. pero cero arte e creatividade na escola; é a “maría”. A creatividade hai que ensinala todos os días, hay que traballala…canto máis se desenvolve máis creativo se é. As cousas non nacen soas e os nenos e nenas teñen que ter acceso á arte porque a arte é todo iso e máis. Na arte non hai unha única resposta válida, temos moitas e moitas maneiras de resolver un problema. Iso é o que temos que ensinar, a romper o medo á hora de crear, que teñan curiosidade.
O seu traballo non se limita a pintar ou reflectir unha realidade senón que tamén inclúe reivindicacións ou críticas. Cal é o papel das artes plásticas neste senso?
Parece que pouco a pouco a arte vaise afastando da súa capacidade de crítica… se nos fixamos en Instagram, por exemplo, ou nas temáticas actuais dos murais que se ven polas rúas, pódese apreciar unha tendencia cada vez maior de cara ao virtuosismo, “cuquismo”, “kawanismo”… é todo bonito e amable. Parece que na actualidade queremos agradar continuamente e iso tamén se manifesta na arte, todo é politicamente correcto. Cando fixen a última intervención de “Señor, quero ser Artista” moita xente me dicía que non o fixera porque ía ter problemas, que a xente no ía respetar… Sorprendeume ver que a xente nova é mais retrógrada á hora de aceptar a arte ca máis vella. Para min a arte ten que ser crítica, é un catalizador do momento que vivimos.
En que proxectos se atopa agora ou cales ten para un fututo próximo?
Para xuño temos a expo de fin de curso do Laboratorio na que levamos traballando moitos meses e os chiquiartistas e non tan chiquiartistas xa están ansiosos por expoñer. No mes de xullo a ver se podemos sacar adiante os campamentos artísticos de verán, esperemos que todo vaia a mellor a partir de agora no tema covid.
A nivel persoal ando inmersa en distintos proxectos que pouco a pouco irán vendo a luz como a mostra de outubro, o taller novo, intervención urbana en setembro… pero polo de agora o proxecto máis importante chámase Antón, que acaba de nacer hai un mes e os tempos xa non só dependen de min.
Moi ligada a actividade en Fene, onde se atopa o seu laboratorio artístico, que lle parece o achegamento a esta zona que propón Viñetas do Camiño?
Paréceme estupendo, todo o que sexa potenciar o noso concello e a cultura é bo para todos. Eu desde o Laboratorio sempre intento fomentar estes valores, xa sexa a través das intervencións urbanas que fago polos aniversarios ou cos chiquiartistas no meu día a día… É unha proposta moi boa, chea de contido, que emprega a ferramenta do debuxo para ensinar e compartir as distintas olladas dos artistas locais…Non pode ser máis xenial!!
Cal será a súa participación nesta iniciativa?
Participarei nos obradoiros e máis na andaina debuxada. Como artistas locais interpretaremos a nosa visión propia dese tramo de camiño, faremos a nosa viñeta. Unha das cousas das que máis gusto desta proposta é a cercanía cos camiñantes. Penso que non só os artistas invitados aportaremos cousas novas, senón que serán os propios participantes na andaina os que enriquecerán o noso traballo cos seus comentarios, puntos de vista… Nós aportaremos as nosas perspectivas e visións pero o círculo só estará completo cando o traballo sexa compartido con eles, cos camiñantes. Con que imaxe quedarán ao final?, que viñeta levarán na súa memoria ao rematar o camiño?, coincidirá coa nosa?…
Onde estará traballando e que ten pensado facer?
A miña localización será a praza do concello de Fene. Conténtame que me tocara aí xa que é un lugar moi transitado e coñecido, o que pode ser tamén unha dificultade, amosar algo tan cotiá dunha maneira distinta. Ademais teño a sorte de ter como referente un dos edificios máis senlleiros de Fene, a propia casa do concello. Poder redescubrilo a través do debuxo desde outras perspectivas e compartir nesa tarefa o proceso de creación, empregando para iso materiais que deixen cabida ao azar paréceme interesante en contraposición coa solidez e rixidez da propia morfoloxía do edificio.
Viñetas do Camiño pretende potenciar a ruta inglesa hacia Compostela. Que pode ofrecer esta comarca ao visitante?. É suficientemente coñecida? Como poden axudar os artistas a descubrila?
Eu sempre digo que esta comarca está pouco valorada para a cantidade de cousas fermosas que temos para compartir, desde a natureza á gastronomía e aquí en Fene, ademais, o Museo do Humor, todo un referente cultural que moitas veces, por desgraza, pasa desapercibido.
Os artistas podemos axudar a xerar esas imaxes que falen da identidade local, a crear ese repertorio que os camiñantes levarán na súa memoria. Ao cabo, cando rematas o camiño e por fin chegas á meta e voltas a vista atrás co que queda o camiñante é con iso, cunha serie de imaxes que co paso do tempo formarán parte desas lembranzas.
Que coñece desta ruta a Compostela?
Tramos. Sobre todo os da comarca: Neda, Fene, Pontedeume… O camiño enteiro ata Compostela non tiven a oportunidade de facelo, ganas non me faltan. O que fixen enteiro foi o do Norte desde Ribadeo, e podo dicir que facer o camiño é una experiencia inolvidable, quedas con moitas lembranzas bonitas.