Juan Manuel Rubio: «Paréceme aburrido ter un estilo, eu traballo dun xeito máis libre»

Ía para informático pero debuxar sempre o fixo feliz e cando un compañeiro lle contou que existía unha facultade na que se aprendía a debuxar, a pintar… Juan Manuel Rubio deu, en apenas 24 horas, un xiro radical ao seu futuro profesional e acabou estudando Belas Artes. Primeiro en Granada e despois en Salamanca, onde se especializou en deseño gráfico e coñeceu á que, cos anos, sería a súa muller, Alicia, un feito clave para que este alxecireño acabase afincado en Pontedeume. A vila será, precisamente, un dos escenarios nos que se desenvolve a súa actividade artística na segunda tirada da Andaina Debuxada que, no marco do proxecto “Viñetas do Camiño”, levarase a cabo os días 12 e 13 do vindeiro mes de xuño.

Rubio será o único dos artistas invitados que duplicará esforzos, primeiro na praia da Madalena, en Cabanas, e despois nas inmediacións da Confraría eumesa. Un reto que asume coa naturalidade que o caracteriza, convencido de que iniciativas como esta son a mellor forma de promocionar a arte e o turismo dende unha perspectiva máis respetuosa coa contorna.

Nestes últimos anos desenvolveu unha obra moi heteroxénea, tanto en temáticas como en técnicas. Como a definiría?

A miña obra é figurativa. Eu intento que conte algo, máis alá de que o faga de forma simbólica. Góstame a literatura e a música e se podo contar algo que xa se narrou antes, aínda que sexa unha historia clásica, trato de facelo. Non teño a pretensión de que calquera persoa teña que entendelo, pero si de que se vexa que detrás hai un fío argumental.

Faino sempre dende unha perspectiva moi persoal e con técnicas moi variadas.

Esteticamente traballo con tódalas técnicas, menos con algunhas como o gravado, que son moi pesadas. Fágoo dende unha maneira tradicional, aplicando modificacións. Pero para min a técnica é só unha ferramenta. Cando non teño unha idea clara traballo con óleo, que para min non ten rival. Ten tódalas virtudes do mundo e poucos defectos. Pero ás veces quero chegar a sitios aos que o óleo, por si mesmo, non vai poder facelo e entón escollo outras técnicas, o que me vai pedindo a obra para crear unha estrutura diferente e concreta. Hai pouco estiven traballando en pastel, que acostuma caer no sensible, pero escollín un gran formato e acabei mesturándoo coa acuarela… Divertinme coma un anano.

¿Trata de fuxir dun estilo moi definido?

Non se trata de fuxir porque me pareza algo malo ou o considere un encadramento, senón porque me parece aburrido ter un estilo, o que sería copiarse a un mesmo. Intento traballar dun xeito máis libre. Intento divertirme coa pintura e non “repetirme”, porque se non estás sometido a unha incapacidade técnica, facer unha obra na que ti mesmo creas un estilo, repites uns parámetros… non me permite soltar toda a miña creatividade e gozar. Tamén traballo con encargas concretas. Aí trátase de aplicar uns coñecementos técnicos e expóste menos, pero como a xente xa me coñece, non acostuman pedir que me free moito.

Defínese coma un artista que vai “pola súa conta”. Qué lle aporta o proxecto “Viñetas do Camiño” para colaborar cunha proposta coral coma esta?

Góstame que o proxecto esté relacionado cunha maneira de entender que hai outras formas de estar nos sitios, lonxe dun turismo de consumo egoísta no que sobramos todos menos o protagonista. “Viñetas do Camiño” é un intento moi oportuno de promocionar un tipo de turismo como visita, como unha invitación a compartir un ambiente, unha forma de vida real. É una postura máis natural, nada falsa.

Dende o punta de vista artístico, debuxar unha paisaxe nunha hora condiciona moito. O máis sensato é tirar de oficio. Non se trata de desenvolver unha proposta estética. Aquí o artista pasa a un segundo plano en favor dunha idea que non promove a aposta estética de ninguén, senón conxugar a idea de que neste ámbito de periferia a creatividade, a arte, tamén está moi presente e preto da natureza.

Ten asignadas dúas ubicacións -na praia da Madalena, en Cabanas, e preto da Confraría de Pescadores, en Pontedeume-, como afronta o exixente reto de planear dous traballos en apenas unha hora cada un?

Evidentemente, ter tan pouco tempo condiciona moito e obrígame a recurrir ao óleo. Intentarei organizarme ben. Non é que teña unha idea preconcebida, pero si que hei visitar o sitio antes, sobre todo pola hora, polas sombras e para saber como vai a marea. E logo, alí, mirarei a esquerda e dereita e ¡a traballar! A paisaxe é algo que me divirte moito.

Fálenos dos seus proxectos futuros, que ten en mente?

Estou traballando en paisaxes e retratos da zona. Quero facer retratos moi particulares, de xente de aquí, persoas moi concretas que vexo decotío e atráeme pintalas. Quero dar unha visión xeral, recoller unha faciana, un rostro, tamén un curruncho dun río, un recanto dun lugar… pero todo moi libre e, probablemente, sen moita relación entre elas en canto a técnica. Xogar con todas.

Tamén estou a facer ilustración, de forma libre, pero coa idea de relacionar os contextos de xente de aquí. Facer unha inmersión no que sería a paisaxe e o que está a facer a xente da comarca.

Deja un comentario