Hugo Feal: “Preparar demasiado unha ilustración pode romper a súa espontaneidade”

O nome de Hugo Feal xa se asocia á banda deseñada na zona, grazas ao premio Curuxa Nova, que gañou en 2020. A calidade gráfica e a mensaxe crítica dos debuxos deste veciño de Fene deixan un pouso complicado de esquecer.

Como comezou a súa traxectoria?

Desde que teño uso de razón sempre souben que quería dedicarme ao cómic e forxarme un nome neste marabilloso medio. Nunca pensei que podía facer outra cousa.

Estudou Belas Artes, foi alí onde se orientou cara a banda deseñada ou foi ao revés, ese interese levouno a desenvolver o Grao?

Entrei na carreira co obxetivo de mellorar as miñas capacidades cara ao cómic, pero foi una experiencia agridoce. Levei moi bos recordos de experiencias e persoas que coñecín na carreira, pero no que se refire a coñecementos non aprendín nada, tiven que continuar a formación pola miña conta.

Fálase da súa calidade gráfica e compositiva, pero como definiría a súa obra?

A calidade gráfica sempre é unha a prioridade para min á hora de realizar calquera traballo, aínda que a mensaxe ou as emocións que quero expresar con ela tamén teñen un papel importante dentro da obra. Para min, a mensaxe dunha banda deseñada ten que ir sempre parella a unha boa calidade gráfica, xa que se a mensaxe é o único importante entón para que ilustralo? Mellor dicilo e xa está!

Pola súa formación supoño que traballaría en distintas técnicas, é o debuxo a definitiva ou compaxínao con outras?

Sempre me centrei nas capacidades formais do meu debuxo, tratando de melloralo e refinalo cada día máis. E sigo niso. Si que é verdade que ao longo dos meus estudos experimentei con outras técnicas como a escultura e a pintura, pero sempre souben que o debuxo era onde eu quería estar, xa que a tinta, para min, ten un encanto e viveza que só se pode atopar no cómic.

Que referentes ten no mundo do debuxo e a banda deseñada?

Ultimamente leo sobre todo manga xaponés despois de ter tocado un pouco todos os xéneros. Polo de agora a miña opinión é que é no manga onde se atopa o futuro do cómic. Referentes deste medio para min serían Kentaro Miura, Tatsuki Fujimoto e Shinichi Sakamoto. Animo a calquera que lea isto a que, se pode, lle bote unha ollada a algunha das obras destes autores, xa que moitas delas sendo de acción e aventura non carecen para nada de carga emocional e intelectual.

Iniciativas como Viñetas do Camiño pretenden dar a coñecer a zona pero tamén os seus artistas. Que lle parece esta idea?

Creo que é unha iniciativa innovadora e unha moi boa idea onde xuntar natureza e arte, xa que deste xeito os camiñantes poden ter outras perspectivas de como os debuxantes perciben o contorno que os rodea e as emocións que este lembra.

Xa sabe onde estará a debuxar e que fará?

Prefiro deixarme levar pola inspiración do momento, creo que preparar demasiado por adiantado unha ilustración pode romper parte da súa espontaneidade.

Tratándose do Camiño Inglés, que coñece del?

A verdade é que non coñezo o Camiño Inglés, pero si que fixen parte do francés hai uns anos

Que pode destacar do que van ver os camiñantes nesta zona?

Hai moito desde a última vez que pasei por esa parte do traxecto, pero se segue como eu lembro estou seguro que vai ser unha gustosa experiencia para os participantes.

En que proxectos está a traballar ou ten en mente?

Pois actualmente estou traballando para unha editorial madrileña, facendo un proxecto de cómic. Teño moitas ganas de poder falar máis del, pero polo momento só podo adiantar iso.

Deja un comentario