O seu nome, e sobre todo as súas ilustracións, conseguen que moitos vexan xa Ferrol con outra cor, con outra positividade, grazas a libros como “Baixo as mesmas nubes” ou aos debuxos que mesmo forman parte de bolsas ou tarxetas que se usan a diario como agasallo. Elga Fernández, a cabalo entre Valencia e Ferrol, dedícase a amosar as súas cidades baixo un colorido trazo e deixando que falen os seus edificios ou as súas xentes.
Como se consegue transmitir ese sentimento positivo mesmo en momentos difíciles e cando reflexa temas complicados?
Ás veces non tento que o sentimento sexa positivo, simplemente as cores toman a palabra. Pero non sempre funcionan e en ocasións o que parecían cores ledas fican tristes, fóra de lugar e entón hai que reformular o que estamos a facer. Tamén ten moito que ver a miña proxección da vida, teño unha idea bastante positiva en xeral de todo o que me rodea.
A cor ten moita importancia nas súas ilustracións, interéslle a realidade ou busca atraer e influír en quen ve a súa obra?
Case sempre pretendo atraer a mirada, non me interesa tanto a realidade, porque cada quen a percibe dunha maneira. É algo así como esas postais antigas de cor onde os ceos son sempre dun azul perfecto, mesmo en Galicia, sabendo que chove a miúdo. Os edificios locen sen imperfeccións e sabemos que todo é mentira, aínda así as miramos con nostalxia, coma se gardasen un momento eternamente feliz. Tento imitar esas sensacións.
Traballa entre Galicia e Valencia e reinterpreta non só o que ve senón tamén o que está máis alá, as tradicións, as situacións laborais, etc. É diferente o galego do valenciano?
Si!!! Moitísimo. Nunca tentara achegarme como ilustradora ao imaxinario valenciano mais desde o confinamiento estou enganchadísima. As tradicións, a comida, a situación laboral son igual de interesantes, tódolos lugares teñen historias marabillosas e aí comecei, na pandemia, a facer cousas de Valencia, pero e que non hai vida para ilustrar todo o que quixera.
Hai uns días que fixen unha tira para unha revista que precisamente toca estes aspectos que nos diferencian pero me teñen enamorada como pode ser a temperatura do auga en Valencia. A min iso dame unha felicidade que nin imaxinas. Estar todo o día na auga é un pracer infinito.
En que proxectos anda agora desde Valencia?
Estou a facer a imaxe para unha parada de metrovalencia, a de Natzaret, dunha zona que está bastante deprimida xa que a especulación acabou con parte do barrio. Nos anos 90 decidiron apostar polo “futuro”, un falso futuro cheo de prosperidade e aplastaron un barrio marabilloso con praia, por facer unha ampliación do porto de mercadorías. Deste xeito quedou illado este barrio no que o concello de Valencia debería investir moitos cartos por devolver algo de ilusión á xente que vive alí. Así que me emociona ilustrar esta zona da cidade. Tamén estou a traballar nun encargo para a Conca do Barberá e en canto teña un minuto libre quería darlle a un proxecto persoal que entre os fillos e a vida é case imposible sacar adiante.
Coa iniciativa “Viñetas do Camiño” daranse a coñecer puntos dunha ruta que poden non ser os máis rechamantes do itinerario, mais sempre hai cousas agachadas. Cal será o papel do ilustrador?
Creo que o noso papel vai ser que a xente se pare a observar o camiño con tempo, deténdose nos detalles e plasmando unha imaxe moi persoal, facendo que o seu percorrido sexa algo único.
Axudará entón aos peregrinos a fixarse en aspectos que pasarían desapercibidos na ruta?
Pararse a conversar nos camiños é algo agradable, así que imaxino que aportarei un momento no que falaremos do que vemos, da nosa interpretación persoal.
Onde poderá atopar o camiñante a Elga Fernández e que estará a facer?
No punto de partida, no Porto, un dos lugares que garda tantísimas historias de Ferrol. Ao carón do mar e ao pé do barrio no que viviu a miña avoa, na rúa San Francisco, estarei debuxando e charlando tranquilamente con todos os que se acheguen. Gozando do momento e tamén de voltar á casa, vai ser moi emocionante para min.
Falando do Camiño Inglés. Coñéceo de primeira man?
Si que o coñezo pero non o percorrín. Peréceme xenial que se promocione o Camiño Inglés, que tome pulo e a xente queira saber del e así achegarse á nosa comarca.
O Camiño non lle é alleo. Ten feito postais del e ata se atreveu co Pórtico da Gloria. Que supón esta temática para vostede mesmo estando tan lonxe como Valencia?
Precisamente a temática axúdame a voltar a casa cada pouco tempo, así xurden traballos novos que se xestan en Galiza e teño que acudir de tanto en tanto. Mágoa que a pandemia truncou os meus plans de vivir entre Ferrol e Valencia, así que teño un pouco abandonados os motivos galegos.
Tamén tomará parte no encontro cos ilustradores. Que supón esta reunión de artistas de diferentes técnicas e con distintas inquedanzas?
Estou moi emocionada porque vou reunirme con Beatriz Seijo, Blanca Escrigas, Eduardo Hermida e Calros Silvar. De todos sei polo seu traballo e estou desexando poder compartir con eles e coñecelos en persoa. Faime moita ilusión.