Eduardo Hermida: “O meu estilo navega polas orixes do Pop Art e por iso a cultura popular é o eixe das miñas creacións”

O renacer de Canido debe moito á cultura e, en concreto, á iniciativa das Meninas, promovida polo artista local Eduardo Hermida. Pero non é esta a súa única faceta. A escultura, o debuxo e a fotografía fan de Hermida todo un representante da combinación de artes que axudou a pór a Ferrol no mapa cultural. Viñetas do Camiño conta con el para o «Encontro de Ilustradores» que se vai desenvolver o 11 de xuño no Museo do Humor de Fene.

Cre que a arte ten que estar estreitamente vinculada á realidade e mesmo axudar a vela doutra maneira?

A arte ten demostrado que debe formar parte do día a día da propia cidade. É un elemento importantísimo da morfoloxía urbana e non se debe concibir dun xeito illado. Coas Meninas temos comprobado que a arte non debe cinguirse aos contedores usuais, coma museos e salas de exposicións. 

Eduardo Hermida é pintor, retratista, fotógrafo…con que rama da arte ou técnica se atopa máis cómodo?

Actualmente a miña obra é un diálogo entre a fotografía e a pintura matérica. O uso de area, madeira, elementos orgánicos fundidos coa propia fotografía e o óleo dótana dunha orixinalidade e unha fusión entre o branco e negro e a propia cor.

Primeiro foron As Meninas, pero agora o seu nome asóciase a calquera iniciativa cultural ou social que poida celebrarse na cidade (os lapis de Ferrol Vello, a recente campaña de imaxes das xogadoras do Baxi…). A que se debe esta vertente?

O camiño percorrido na miña particular peregrinación artística lévame a experimentar novos diálogos, a fundir técnicas diferentes e a tender pontes entre diversas disciplinas. O soporte común é a rúa e a facilidade para se exhibir nos espazos públicos. O meu estilo navega polas orixes do Pop Art e é por iso que a cultura popular é o eixe principal das miñas creacións.

No proxecto de “Viñetas do camino”, que  papel pensa que poden desenvolver os artistas para dar a coñecer a comarca?

Neste proxecto os artistas ofrecen unha versión distinta do vivido, tentan plasmar as súas particulares versións desa escenografía máxica que ofrece o camiño. As súas obras deben ser unha xanela a unha realidade diferente e, á vez, un escaparate dun anaco da vida dos propios peregrinos

Como vai participar vostede nesta iniciativa?

Formo parte do grupo de artistas que contarán as súas experiencias no Encontro de Ilustradores. Tentarei amosar desde as miñas vivencias, a importancia da arte urbana no desenvolvemento das cidades.

Forma parte desta promoción do Camiño Inglés, pero coñéceo, percorreuno?

Coñezo moitos puntos polos que pasa pero non tiven oportunidade de percorrelo….aínda.

Que cre que pode atopar o camiñante neste tramo da comarca do que quizais non se percatara ata agora, e que papel pode xogar o artista para axudarlle?

O cotián ás veces convértese en invisible para os que conviven coa beleza. Os artistas encárganse de engalanalo para convertelo en pezas únicas e exclusivas.

Esta actividade ten a súa vertente didáctica e vostede tamén está moi ligado á docencia cos seus talleres. Que é o máis importante que hai que transmitir?

Penso que o labor máis importante do mestre é ser capaz de ensinar o que el mesmo sabe ata que o discípulo atope a súa propia linguaxe comunicativa. O propio mestre debe instruír e ensinar as técnicas máis axeitadas para que o alumno sexa capaz de expresar os seus propios sentimentos.

En que proxectos traballa agora? Teremos este ano novas Meninas, apostaremos por outros barrios?

As Meninas están intimamente ligadas a Canido, non se conciben noutro espazo diferente. Seguiremos un ano máis pois aínda queda moito por facer no barrio. No persoal sigo a traballar na miña próxima mostra.

Como valora a colaboración das institucións e entidades na promoción da cultura?

Desde a orixe do arte, os mecenados e apoios institucionais ou privados son o sustento para que os artistas poidan financiar e concluír os seus proxectos. Son tan necesarios coma o propio proceso de realización da obra pois sen eles moitas veces acabarían no taller do artista sen chegar a mostrarse.

 Este proxecto é unha forma marabillosa de facer visible non só a obra senón tamén a creación da mesma aos ollos do público.

Deja un comentario