Premios de banda deseñada, carteis, historietas, etc., pese a súa xuventude Cristian F. Caruncho acumula moitos galardóns que o acompañaron dende os seus inicios. Pasou ao papel os montes orteganos de Couzadoiro en “Grandarroiba” e fixo do cómic un xénero galego de seu que ten moito por ofrecer.
Como comezou a súa traxectoria? Hai algún punto que o marcara para saber que isto era o seu?
Debuxei desde moi cativiño e grazas ao meu irmán empecei a ler cómics coma “Astérix” e “One Piece”. Como ademais de debuxar me prestaba contar historias, vin que a banda deseñada era o medio axeitado para min e comecei a facer cómics pequeniños e presentalos a concursos. Algúns perdían, pero outros gañaban. Non sei dicir cal foi o momento xusto no que tomei a decisión, pero sempre me animou moito o apoio da miña familia ou de autores profesionais coma Manel Cráneo, Guitián ou David Rubín, por dicir algúns.
O blog alecrinsentintachina xa deixa claro cal é a súa técnica, pero tamén está a acuarela. Onde se atopa cómodo? Podería aínda cambiar de estilo ou pensa que atopou o seu camiño definitivo?
Mimá! Fixestes arqueoloxía dixital para atopar ese blog! Faime ilusión e todo que aínda se visite! Si, polo xeral adoito traballar en branco e negro, con pinceis e tinta china, supoño que tamén por influxo do manga, que era o que máis lía. A acuarela encántame, aínda que me parece que teño moito que aprender para conseguir uns resultados que me gusten. Nun futuro non moi lonxano gustaríame facer un cómic longo, enteiro a acuarela. De todos os xeitos, tamén quero probar coa cor dixital, o acrílico e outras técnicas, así que creo que aínda non atopei ese camiño definitivo! (ri).
A paisaxe galega está na obra de Cristian F. Caruncho, pero non de xeito idílico ou idealizado, é real, co bo e o malo. Non é así?
Intento ensinar as cousas do xeito máis sincero posible, se unha parede é de pedra, de ladrillo e uralita, pois é así, paréceme unha parvada tentar mostrar un mundo irreal que pareza un anuncio de Turismo. A paisaxe que temos explica tamén como somos como sociedade, pensó que é mellor mostrar como é a miña parroquia real, e se hoxe ten eucaliptos, eólicos e aldeas abandonadas, pois creo que tamén hai que ensinala así.
Xustamente por este contorno que aparece sempre nas súas obras, quen ten o protagonismo real? o home ou a paisaxe?
O protagonismo intento que sexa das persoas e as súas historias, pero o sitio no que vivimos creo que tamén inflúe moito na nosa forma de ser. En “Grandarroiba” tentei darlle visibilidade aos montes de Couzadoiro porque esas montañas e todos eses grandes espazos abertos axudábannos a entender como era Moncho e a súa soidade.
As súas tiras reflicten problemáticas sociais, ecolóxicas, ambientais, etc. Que prioriza nelas, o contido ou a forma de plasmalo?
Supoño que o bo é atopar un equilibrio entre as dúas cousas. O cómic paréceme un vehículo rápido e moi práctico para denunciar situacións que semellan inxustas. Un dos meus traballos aos que máis agarimo lle teño é unha tiriña cómica que fixera hai anos para pedir a devolución dos montes comunais roubados á nosa parroquia. Nela, por exemplo, o importante era o contido, pero o debuxo axudaba a facela bonita e que chamase máis a atención, achegando a mensaxe a máis xente.
Coma debuxante e cos premios e publicacións que o avalan xa será referente de moitos que comezan nesta arte, pero vostede a quen admira?
Creo que de momento non son referente de ninguén, prefiro non ter esa responsabilidade aínda! (ri). Referentes hai moitos e cambian ao longo dos anos, pero admiro aos debuxantes que falan con sinceridade do que teñen arredor, coma Manu Larcenet, Craig Thompson ou Jiro Taniguchi. Daquí os que máis me influíron foron Emma Ríos e David Rubín. Tamén tento buscar referentes na pintura, o cine ou outros campos distintos ao meu. Por exemplo, Chano Piñeiro creo que é unha das persoas que máis me inspirou.
Vendo que ata probou co western está claro que desde Galicia e con Galicia como protagonista se pode facer de todo…
Supoño que haberá algunha cousa que non se poida facer, pero hai moitas outras que si! (novas risas). De momento as ideas que teño no tinteiro listas para contar pasan aquí, pero iso non quita que ao mellor un día me pida o corpo facer unha historia baseada en esquimós en Siberia.
Que lle parece un proxecto como Viñetas do Camiño, para potenciar esta ruta nos tramos da comarca, tendo en conta a súa orixe e o interese pola ambientación na zona?
Paréceme interesante, sobre todo se se aproveita para dar a coñecer a comarca desde un punto de vista diferente e se fan actividades entre os ilustradores e a veciñanza. Outra cousa que tamén me fai ilusión é poder coñecer en persoa a artistas que estarán no proxecto e nunca tivera a ocasión de coincidir con eles.
Onde estará debuxando na Andaina do proxecto?
–Pois en principio, se nada o impide, estarei debuxando na contorna do Pazo da Merced o 12 de xuño.
Trátase de plasmar algún aspecto do Camiño Inglés, pero vostede coñéceo, percorreuno?
De momento nin o coñezo nin o andei, estou aínda a cero! (ri).
En que proxectos está a traballar ou ten en mente agora?
Pois agora mesmo estou a traballar no meu próximo cómic, que será un western ambientado en Couzadoiro, cos personaxes que debuxaba nos fanzines da miña adolescencia. Nel haberá matanza do porco, un Sheriff de Medio Rural, vellos amigos enfrontados, porcos bravos bandoleiros… un pouco de todo! Vai ser o meu cómic máis longo até agora, cunhas 80 páxinas. Tamén estou a facer unha serie de ilustracións para o primeiro disco dun amigo meu. É un disco feito tamén no Ortegal que penso que vai gustar moito. E, aínda que o teño un pouquiño apartado, estou cun proxecto moi lindo de libro ilustrado cunha escritora que admiro moito e co que espero poder poñerme canto antes!
É debuxante, ilustrador, autor de cómics, pero tamén está vencellado a proxectos como videoclips, música…É necesario combinar as distintas artes ou pouco teñen que ver unhas con outras?
Hai quen se centra só nunha cousa e sáelle moi ben e está cómodo aí, iso está xenial, pero no meu caso si que me gusta probar diferentes cousiñas, aínda que en realidade todas teñan que ver co debuxo. Hai mundos coma o muralismo, por exemplo, que me parecen súper interesantes e teño ideas que me encantaría aplicar aí, pero claro, primeiro teño que aprender! (máis gargalladas).