O debuxo en vivo non lle é alleo e xa é un referente no mundo da arte. Agora en “Viñetas do Camiño” volverá pintar “en directo” para os participantes na andaina. Que supón este proxecto?
Supón pasalo ben de novo en San Martiño do Couto pintando todo o día. O feito de que se achegue xente “facendo” o Camiño Inglés convérteo en algo moi divertido e motivador. Que participemos neste proxecto cultural a través da pintura paréceme precioso.
Nesta iniciativa trátase de plasmar unha zona concreta desta ruta. Vostede está moi familiarizada con este contorno: que tentará amosar coa súa pintura?
Determe a observar algo que para min é precioso e importante pode axudar a outros a observalo tamén. É o poder da arte. Ensina a ollar desde outro lugar un mundo que para outras persoas pasaría inadvertido.
Onde estará a pintar e que vai debuxar?
Estarei na igrexa de San Martiño do Couto. Eu quero pasar alí o día, como en “Pintura en Acción” e pintar o que sinta no momento, tanto da igrexa como do contorno precioso que a rodea.
Ao longo da súa traxectoria ten tomado parte en moitas iniciativas conxuntas con outros artistas. Buscan dar a coñecer a arte ou tamén teñen un punto crítico?
Para min todo vai xunto. A arte é a miña maneira de me relacionar co mundo e de entendelo. Eu penso que mostrarse a unha mesma de calquera maneira implica ter un fondo crítico. Fálase desde un punto de vista propio, persoal, e iso sempre implica estar a prol ou en contra dalgunha cousa.
De feito, foi unha das fundadoras do “hartismo”. Seguen vixentes eses principios?
Seguen, si. Penso que o que nós fixemos, Miguel-Anxo Varela, Mariano Casas e mais eu co Hartismo foi apenas manifestar por escrito o sentimento que tiñamos e que moita xente comparte tamén.
É pintora pero tamén practica moitas técnicas como o gravado ou a ilustración, como se define vostede?
Non cho sei. Sinto que preciso expresar moitas cousas e que quero usar todo o que me arrodea para facelo. Os soportes son parte do que se quere contar e son estímulos tamén para pintar historias, pensamentos, o que sexa.
A docencia sempre estivo moi vinculada a súa arte, que cre que é importante ensinar por encima de todo?
Ensinar a saber o que nós somos e a partir de aí poder compartilo cos demais. Deste xeito penso que conseguimos sermos felices e vivir o que queremos vivir.
En que está a traballar agora, cales son os seus poxectos?
Eu agora resido en Várzea de Ovelha e Aliviada, na zona rural do Porto (Portugal). Estou tratando de expor o meu traballo “Portas do Porto” nunha galería portuguesa. E alén diso, continúo coas Ilustracións diarias que comezara no 2010, nas que describo o que ocorre cada día na vida. Tamén preparo dous contos.
Natureza, persoas, espidos, paisaxes…con que se sinte máis a gusto?
A Natureza é o que me interesa agora mesmo. Os procesos de crecemento das plantas e a harmonía das cores e formas dentro do espazo dunha horta. É pura abstracción e maxia. Síntome cómoda sempre con aquilo que ten relación directa co que estou a facer. Por exemplo, se ando a pintar portas atopo portas en calquera lugar. Agora, cando pecho os ollos na cama non podo deixar de ver plantas. Iso é o que eu quero, plasmar o que vexo das cousas cos ollos pechados, mais sen perder o que elas son.
Os seus estudos e o seu traballo levárona por moitos puntos da xeografía, chegou xa ao seu destino?
Aínda non o sei. Agora síntome portuguesa e curiosamente máis galega que nunca. Estou en sintonía comigo e o que fago faime sentir feliz e útil no mundo. En Portugal podo educar aos meus fillos en liberdade e iso faime pensar que é un bo lugar para eles tamén. Mais adiante non sei o que pasará, claro.
Participou en moitos proxectos conxuntos, cre que é preciso comunicar deste xeito, lonxe do intimismo que buscan otros autores?
Penso que todo está ben. Os que participamos dos proxectos conxuntos non perdemos o intimismo.