Calros Silvar: «Sempre estiven vinculado á SGHN e iso deume coñecementos para o debuxo, e tamén ao revés, do debuxo pasei aos temas da natureza»

A ilustración da natureza galega está estreitamente ligada á figura de Calros Silvar. Os seus manuais de especies arbóreas, cogomelos, fentos, aves, insectos, etc. da editorial Baía son xa un clásico para os amantes da paisaxe propia. Agora, da man do proxecto “Viñetas do Camiño” axudará a achegar ao camiñante aos aspectos cos que se atopa na ruta xacobea, ao seu paso pola comarca de Ferrol.

A súa faceta de ilustrador da natureza é moi coñecida pero como se iniciou no mundo do debuxo?

Como a maioría, xa desde neno. As primeiras probas foron coa banda deseñada, no cómic. O primeiro intento profesional, cando aínda era estudante de Belas Artes, foi enviando viñetas a Bruguera. Os debuxos gustaban pero a temática que querían tratar non encaixaba conmigo. Despois veu o humor gráfico, con traballos para a revista infantil “Vagalume”, a continuación xurdiu a miña relación con “A Nosa Terra” e estiven con eles ata que desapareceu a publicación.  Logo empecei a traballar con Sargadelos e aínda que seguía con exposicións de debuxos e mesmo de fotografías, a banda deseñada quedou apartada e chegou a ilustración de libros.

O debuxo da natureza xurdiu polo seu interese nela ou primeiro foi a ilustración e despois a especialización?

O primeiro que fixen foi unha colaboración con “Edicións do Castro” nunha obra de Xosé Chao Rego, e tamén outros libros como “Galicia, brujería, superstición y mística” de  Ana Liste, en  Penthalon. Despois xa pasei a “Baía” (antes con “Galaxia” xa tiña feito un libro de aves de Galicia) coa colección das guías de natureza. Debuxei as árbores, as algas, a guía micolóxica, de anfibios e réptiles, mamíferos, insectos e ata libélulas.

A ilustración da natureza é un debuxo moi concreto. Hai cada vez máis tendencia a centrarse nunha soa técnica?

Cando empecei non coñecía a ninguén en Galicia. Tampouco tiña gran formación. Só sabía dos cadernos de  Félix Rodríguez de la Fuente e de ilustradores da época. O mesmo pasou coa ilustración, cando empecei eramos catro gatos, Xaquín Marín, López Domínguez, etc. Agora si, co tema da natureza xurdiu interés a nivel de todo o Estado, mesmo nas universidades se imparten disciplinas sobre o tema, hai concursos de ilustraciencia… e xa hai moitos e boísimos debuxantes.

Para esta disciplina non chega con debuxar, supoño que haberá tamén que ter moitos coñecementos sobre a temática natural

Está cerca da ilustración científica, orientada á divulgación, porque hai que plasmar a natureza pero con rigor. Cabe un pouco máis de creatividade pero está bastante cinguido ao que se ve. A guías tentan a identificación, por iso o rigor é importante. Eu sempre estiven vinculado á Sociedade Galega de Historia Natural e iso deume coñecementos para o debuxo, e tamén ao revés, do debuxo pasei a interesarme máis profundamente polos temas da natureza.

E agora cal e a súa actividade?

Estou xubilado, arranxando a miña colección de plumas, fago colaboracións e traballos, e cousas que xorden coma esta para manter a man activa.

Como ilustrador da natureza, faría moitas andainas. Percorreu o Camiño a Compostela?

Como tal non. Coñezo moitas zonas polas que pasa a ruta pero con saídas concretas, nas que sigo participando, pero non fixen o recorrido enteiro do Camiño.

Na andaina por este tramo do Camiño Inglés, que se inclúe no proxecto “Viñetas do Camiño”, que podemos atopar?

A nivel paisaxístico ou natural o Camiño ten algún tramo interesante. De feito, hai  un libro “A Natureza no Camiño” no que se recollían a súa fauna e flora. Hai tramos para perderse,  aínda que estes da zona da comarca discorren case todos por zonas urbanas.

En que punto do percorrido pode atopar o camiñante a Calros Silvar debuxando?

Estarei na andaina en Neda, no casco urbano, e farei algo por algún punto alí. Non é exactamente natureza. Aínda que por min escollería outro espazo, sempre hai algo para descubrir e nesta iniciativa séguese un pouco a tendencia do “urban scketching”, (a inspiración está por todas partes e en todas as situacións da vida cotidiana), na que moitos artistas pintan a cidade Trátase de facer algo nesa liña.

Ademais da andaina debuxada, participará no encontro previo de ilustradores…

Si, tentarei dar algunhas nocións para orientar o debuxo da paisaxe, centrándonos na temática do Camiño.

1 comentario en «Calros Silvar: «Sempre estiven vinculado á SGHN e iso deume coñecementos para o debuxo, e tamén ao revés, do debuxo pasei aos temas da natureza»»

Deja un comentario