Blanca Escrigas: «O esforzo será ter non só a mirada de debuxantes senón tamén de camiñantes»

A paisaxe urbana caracteriza a obra de Blanca Escrigas. As súas acuarelas redescobren recunchos que o cidadán ve cada día. Agora, dentro do proxecto “Viñetas do Camiño” deixará unha nova pegada da que o camiñante pode gozar, ademáis de compartir as súas experiencias con outros ilustradores.

É arquitecta de formación, o seu interese pola pintura é anterior ou posterior á profesión?

O meu interese polo debuxo é anterior á arquitectura, pero nesta profesión aprendín a desenvolver máis os detalles. A acuarela é a miña ferramenta en todo momento e o meu gusto polo debuxo realista foi o que me levou á ilustración. No 2017 participei no proxecto “Compostela Ilustrada”, con catro ilustradoras mulleres e a partir de aí xa non deixei de debuxar. Fixen tamén novelas gráficas, tiras cómicas e hai un par de anos un conto  ilustrado. Probei distintas técnicas pero me quedo coa acuarela porque asumín que a miña intención, máis que pintar, é debuxar e representar a realidade. De aí este formato, máis de caderno de viaxes.

Cal é a temática da súa obra?

O debuxo urbano. Pode ser por deformación profesional, pero gusto dos espazos arquitectónicos da cidade máis que da paisaxe natural. Tamén fago persoas, retratos…

E en que proxectos está inmersa agora?

Pensaba que este inverno ía ser monótono e relaxado e matriculeime nun par de másteres de animación e ilustración, e de xestión cultural e innovación social, campo no que levo traballando tempo. Non foi tan rutineiro como parecía e agora estou cun proxecto que promove unha entidade da Coruña que atende á diversidade funcional. Imos facer murais con alfabeto braille e de signos, e nel participan colexios de diferentes puntos de Galicia. Ocúpome do deseño dos muraise  a coordinación, entre otras cousas.

Ademáis, en abril vou colgar una exposición de acuarelas na Casa da Cultura en Valdoviño e teño outro proxecto de mural no IES de Catabois, porque este ano despois do mural da caseta de turismo de Valdoviño, xurdiume moito traballo neste formato.

Que lle parecen iniciativas como “Viñetas do Camiño”?

Faime especial ilusión coma marco de promoción desta zona e da comarca. Estou moi ilusionada. Ademais, haberá participación cidadá e se dar a coñecer o meu traballo pode servirlle a alguén, pois encatada de que lles valla de motivación. Empaparme do que fan o resto dos ilustradores foi un antes e un despois cando participei na iniciativa de Compostela, e iso quero tamén trasladarllo aos demais.

En que zona estará a traballar?

Creo que en Xuvia, no paseo marítimo.

Estes tramos son basicamente zonas urbanas…hai elementos dabondo para se fixar neles?

Iso sempre. Non se trata de modificar o que ves. O que enriquece é a visión artística do que tes diante. Con este proxecto non só se mira o Camiño Inglés senón que hai unha ollada artística e aí todo ten cabida. Á hora de debuxar o importante é a maneira de estudar o que plasmas e non é o mesmo pasar por alí, que mirar doutro xeito. O bonito é ese exercicio, e cada lugar ten o seu encanto.

Que quere aportar aos camiñantes?

O esforzo dos artistas será ter non só a mirada de debuxantes senón tamén de camiñantes, para que esa imaxe se convirta en recordo, que pase á memoria.

Coñece de primeira man o Camiño?. Percorreuno?

Estiven no portugués, na iniciativa de Compostela. Sempre está entre as cousas que hai que facer, pero aínda está aí, como pendente.

Tamén tomará parte nos talleres e encontros de ilustradores?

Alí estarei. Aos meus alumnos sempre lles digo que o que eu conto non é a verdade. Non son técnicas infalibles. O que máis me aporta a min é debuxar ao lado doutras persoas que me poden ensinar cousas e iso é o que eu lles quero transmitir. Contar os meus métodos, o que me gusta debuxar, e que a miña práctica que lles aporte algo. Quero explicar os meus procesos e inquedanzas e acompañar os dos demais.

Que é o máis importante á hora de facer un debuxo, a técnica ou dar co que se quere pintar?

O motivo é importante pero tamén o nivel do que se parte. Haberá nos obradoiros xente de todo tipo e hai que atender un pouco a todo, aportar técnica para que plasmen o que lles gusta e a outros que xa a teñen poder axudarlles no motivo. É importante saír tamén do que coñecemos, crear una mirada con certa sensibilidade e observar cousas nas que non nos fixabamos ata agora.

Deja un comentario