Beatriz Seijo: “No igual nunca se aprende, hai que buscar o diferente”

Natural de Fene, Beatriz Seijo desenvolve a súa actividade en Santiago e agora vai participar en «Viñetas do Camiño», unha iniciativa que pon en valor precisamente a ruta que une eses dous puntos, o Camiño Inglés a Compostela, a través da arte.

Segue ligada a súa vila?

Si, aquí está a miña familia, os meus pais, os meus avós, e amizades. Ademais artisticamente continúo moi unida ao meu pobo, que me veu nacer e onde me seguen coidando.

É a autora de “Un mundo chamado Fene” e cabe supoñer que ten moi coñecida a zona para poder plasmala nesta andaina

A raíz do meu libro “Un mundo chamado Fene” afondei e puxen o foco creativo nos distintos lugares do meu concello, e iso fixo que me centrara na idea de resaltar o que temos. Se puxésemos o mesmo interese cando percorremos a nosa bisbarra que cando visitamos outros puntos do planeta, e tivésemos esa mesma predisposición para atopar paraxes remotas, a nosa contorna cobraría moita máis importancia. O factor ilusión, o punto de partida emocional sempre potencia a experiencia vivida. Poñamos esa mesma énfase nun paseo a pé. Non é máis importante o feito de viaxar en avión para chegar aos sitios… Ás veces, as cousas de balde, como pode ser chegar camiñando aos lugares, son moito máis enriquecedoras.

Na súa obra coexisten moitas técnicas, óleo, acuarela, acrílicros…en cal se atopa máis  cómoda e cal poderemos ver na andaina de “Viñetas do camino”?

Como artista fuxo desa comodidade creativa. Sempre poño o foco nunha nova busca, nunha nova aprendizaxe. No igual nunca se aprende, hai que buscar o diferente. Nas miñas obras participan dunha conxunción de todas as técnicas aínda que nunca por igual, pero adoito facer técnicas mixtas que non sexan un condicionante senón un vehículo.

Ten una fonda formación que en Ferrol está ligada á figura de González Collado. Que supuxo na súa traxectoria esa aprendizaxe?

González Collado foi o mestre que mellor soubo ensinarme o oficio con todas as letras, a disciplina, a tenacidade, as horas de traballo, a relación co obxecto físico, fuxir de trucos e efectismos, xa que neste mundo non hai ningún atallo máis que ser sincero coa túa pintura e contigo mesmo. Aínda sendo moi pequena soubo facerme ver que o importante era non abandonar nunca, e como exemplo, está a súa grande traxectoria, na que estivo traballando ata o ultimo día.

En que proxectos se atopa inmersa?

O meu proxecto é o meu proxecto de vida: nadar contracorrente nun mundo cada vez máis global e uniforme. Aportar cor, innovación e personalidade, é dicir, soños que nos permitan gozar dun mundo cheo de diferentes opcións. 

Teño a miña propia galería de arte na que tamén conto con espazo para o meu taller, e una zona de usos múltiples onde imparto os obradoiros, nos que cada semana deseño con agarimo as didácticas.

Sigo preparando a miña obra. A busca, a investigación, son parte fundamental do meu traballo, e estou discorrendo futuras exposicións ás que axiña lles poremos nome.

Espero con entusiasmo que as circunstancias me deixen inaugurar axiña a miña actual galería de autor, na que ata a data de hoxe estivemos facendo pequenas visitas e citas persoais. E tamén agardo que se recupere pronto o panorama cultural para pór data a futuras exposicións e feiras de arte.

Que lle parece esta iniciativa do Concello de Fene, que lle gustaría aportar aos camiñantes?

A visión do oficio do artista, acercar o noso traballo a un novo público, fóra do marco museístico, lonxe da soidade e invisibilidade do estudio do artista. Coñezo ben a pintura ao aire libre, e foi a miña gran escola, a que máis me ensinou. É fundamental a relación co obxecto en directo, a fugacidade da luz, a inclemencia do tempo e os 40 ºC á sombra para poder crear. Todo isto convértete nun todoterreno creativo. 

Onde estará a debuxar?

Estarei a debuxar no camiño de Mundín, que é o lugar onde nacín e onde viven meus pais e avós. Buscarei un recuncho onde poida descubrir un novo punto de vista. Non me gusta permanecer na miña zona de confort, e procurarei novos enfoques que poidan encadrar neste proxecto.

Tamén formará parte do Encontro de Ilustradores. É importante compartir experiencias con outros compañeiros e compañeiras de profesión?

Compartir calquera ocasión ou momento no que se fale de pintura é estupendo. A algúns compañeiros coñézoos porque coincidimos noutros eventos, e a outros persoalmente. Sempre é unha aprendizaxe poder compartir experiencias. A pintura é unha ferramenta de comunicación.

Ten experiencia no eido da docencia, con obradoiros para de pintura. Que considera o máis importante que se lle pode ensinar a un alumno?

A miña traxectoria coma docente comezou hai máis de 15 anos. Encántame o impulso de compartir o meu oficio, dar forma e visibilidade a unha realidade tan descoñecida para moitos, É un pracer ver, nas horas de talleres dos nenos, a ilusión contaxiosa do alumnado, sempre con ansia por experimentar cousas novas. E no de adultos, compartir cada dúbida, cada circunstancia vital fronte ao oficio do pintor, faime revivir o percorrido da miña profesión. Pero creo que o motor que me move é o impulso de compartir e ensinar o meu oficio. 

Coñece o Camiño Inglés, percorreuno?

Coñezo o Camiño Inglés, aínda que non o percorrín como tal, pero si visitei moitos dos seus puntos, e teño feito tamén algúns dos seus tramos.

Desde nena, pola miña fiestra vía a ruta e as distintas maneiras de facer o camiño. mesmo teñen acampado peregrinos no campo da miña casa, máis dunha vez, e a miña avoa facíalles o almorzo con toda a súa boa vontade coma se fosen da casa.

Que poden aportar estes tramos desde a mirada dunha artista ao camiñante?

Non importa se é urbano, costa ou montaña… ou o interior dun pendello. Na mirada dun artista non hai interruptor de “on/off’. Necesito permanecer nun estado sensible e receptivo para a pintura. É fundamental  ter unha predisposición ao sentimento, á idea, á imaxe, … xa que o noso contexto sempre  nos está a falar.

Deja un comentario