“A creación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés marca un antes e un despois”

Natalia Hermida, concelleira de Turismo do Concello de Narón

Natalia Hermida é a concelleira de Turismo do Concello de Narón, outro municipio polo que transita o Camiño Inglés a Compostela e que está implicado no proxecto “Viñetas do Camiño” que promove o de Fene. Entre as iniciativas dese Concello para poñer en valor a ruta xacobea destaca a creación, ao pé do Muíño de Xuvia, dunha área de recepción e descanso para os peregrinos. Alí está o fito que marca unha distancia de 100 quilómetros ata Santiago, o mínimo necesario para obter a Compostela.

Qué plans ten o Concello de Narón para dinamizar o Camiño Inglés durante este Xacobeo?

As iniciativas témolas loxicamente condicionadas pola situación actual, que nos obriga a facer actividades moi concretas, cun número de participantes limitado e reserva de localidades. Con eses hándicaps, imos celebrar de novo as “Noites na Magnolia”, probablemente nas noites do 16 e o 17 de xullo, con música baixo a árbore centenaria, ao final do tramo naronés do Camiño Inglés. Tamén continuaremos coas “Noites no Mosteiro”, en Xuvia, nas que se combinan a música e a iluminación e que serán tamén no mes de xullo. E esperamos retomar as actividades cos colexios, cando se poida. Fundamentalmente o programa “Escolas no Camiño”, unha proposta moi bonita que presentamos hai dous anos, que consiste primeiro nunha formación nas aulas a cargo de Andrés Pena Graña, o historiador municipal, e despois na realización dun tramo no camiño en horario escolar. É unha andaina que vai desde o mosteiro ata o final do paseo de Xuvia e que reúne a uns 800 nenos e nenas de todos os centros.

Que destacaría do Camiño Inglés ao seu paso polo municipio de Narón?

De toda a primeira etapa do Camiño Inglés, non só de Narón, destacaría o atractivo da ría, do mar, creo que esa é a característica máis salientable desta parte, que é moi agradable. De Narón sinalaría o mosteiro de San Martiño de Xuvia, que é un Ben de Interese Cultural; o Muíño das Aceñas, coa Ponte Vella, que ten moito encanto, e tamén no tramo final, no paseo marítimo de Xuvia, a magnolia centenaria e o Muíño de Xuvia, que imos rehabilitar agora.

Cal é o proxecto do Concello de Narón para o Muíño de Xuvia?

Temos un proxecto de rehabilitación e creación dun centro de interpretación que inclúe situar alí un punto no que selar a credencial de peregrino. Precisamente neste lugar do Camiño Inglés está o fito que sinala que hai 100 quilómetros ata Santiago, a mínima distancia esixida para obter a Compostela. Así que aí pretendemos adecuar unha estación de recepción e descanso para os peregrinos. Nela instalarase unha das fontes públicas do proxecto Life Water Way, e nós imos completar a dotación desta área con algún mobiliario que favoreza a parada, con elementos que dean sombra, etc.

Que lle parece a iniciativa “Viñetas do Camiño”?

Creo que todo o que se faga para promocionar o Camiño, desde diferentes ámbitos, cultural, educativo, de espectáculos, literatura… sempre é positivo. Para o Camiño Inglés houbo recentemente un cambio moi importante, que foi a creación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Era unha necesidade imperiosa para poder facer cousas conxuntamente, e pese ás dificultades do último ano, creo que foi moi produtiva e que vai marcar un antes e un despois para todos os concellos. A asociación é moi positiva, e “Viñetas do Camiño” é un proxecto moi interesante, moi bonito. Desde Narón estaremos en todo o que poidamos colaborar.

Algo máis que queira engadir?

Si, a Xunta debería de prestarlle un pouco máis de atención á conservación do Camiño. Debería ter os firmes o mellor posible durante o Xacobeo e pensamos que iso é imprescindible, porque isto é tamén unha cuestión de imaxe importante. É unha demanda que xa comunicamos á Asociación de Concellos de Camiño Inglés. En Narón temos unha zona, a que vai por debaixo da autovía, que precisa dunha mellora e así llo trasladamos xa á Xunta.

Deja un comentario