Justo Martínez Ardá, concelleiro de Cultura do Concello de Fene
Se ben o Camiño Inglés supón para os concellos que se atopan na súa ruta unha fiestra aberta ao mundo a través da que se dan a saber, unha das peculiaridades do proxecto “Viñetas do Camiño” que lidera o Concello de Fene é a aposta do percorrido cara Compostela como un elemento dinamizador en si mesmo da vida destas localidades. Unha perspectiva sobre a que Justo Martínez Ardá, concelleiro de Cultura de Fene, fai aceno ao debullar polo miudo esta proposta multidisciplinar, que artella cultura, arte e turismo.
Moita veces cando se fala do Camiño de Santiago, pénsase sempre nos peregrinos, nos de fóra, porén vostedes quixeron darlle unha volta a esto e valerse do Camiño Inglés para propor aos de “casa” novas alternativas de ocio e artísticas.
Nós queríamos poñer en valor o percorrido do Camiño Inglés na nosa contorna. Agora, coa pandemia, moita xente está saíndo a facer andainas e moitos xa saben que existe este percorrido, pero nunca fixeron a ruta. Así que queriamos visibilizar este itinerario tan fermoso que existe na comarca. Sabemos que está aí, pero a maioría da xente da bisbarra nunca fixo o traxecto. Imos a outras zonas para facer andainas sen coñecer o que temos na nosa contorna. Actividades como a Andaina Debuxada do vindeiro mes de xuño van servir para iso. Ademais, a iniciativa nace moi vinculada ao Museo do Humor, ao que tamén queriamos darlle protagonismo. Así que básicamente vai diso, de poñer en valor o patrimonio material e inmaterial que temos ó lado.
Cal foi a resposta dos veciños e tamén dos propios artistas ante unha proposta tan novidosa?
Somos un Concello que traballa moi de preto coas asociacións. Tivemos reunións con moitas delas, para darlles a coñecer o proxecto e pedirlles axuda e a recepción foi moi boa. Gustoulles a proposta e están animadas a colaborar e participar. E aos artistas tamén. Moitos deles, por motivos laborais, viven fóra de Galicia, como o propio Xaquín Marín, que reside en Extremadura, e todos eles estiveron encantados de vir colaborar sen problemas.
Non sempre é doado pór de acordo a tanta xente, pero vostedes, coa súa proposta, implicaron tamén a outros Concellos polos que pasa o Camiño Inglés.
A verdade é que dende a primeira reunión con representantes doutros concellos a resposta foi moi boa. Explicámoslles o proxecto e pedímoslles colaboración e axuda, sobre todo porque ninguén mellor que cada un deles para suxestionar sobre o que hai que dar visibilidade dentro da súa zona. Foi moi fácil chegar a acordos.
“Viñetas do Camiño” busca a promoción turística do Camiño Inglés, pero tamén dar a coñecer un aspecto artístico que ás veces queda nun segundo plano. Cultura e turismo han ir da man?
Tendo en conta que o Camiño Inglés pasa a escasos metros da Casa da Cultura e do Museo do Humor, o proxecto xa naceu coa idea de pór en valor ambos eidos. Por iso buscáronse artistas que estivesen vinculados dunha forma ou doutra ao Museo do Humor, porque expuxesen alí, levasen o premio “Curuxa” ou, como o caso de Xaquín Marín, foran un dos seus precursores. Nesta bisbarra temos grandes artistas e isto é tamén unha boa forma de poñer en valor e darlle promoción ao seu traballo.
A pandemia deixou en suspenso toda a actividade cultural do 2020, que están a planear dende o Concello de Fene para revivila de novo?
Cremos que este proxecto de Viñetas do Camiño xa é unha boa forma de dinamizar o concello. No 2020 notamos a baixada de peregrinos, pero agora empezan a moverse outra vez. Non con tanta afluencia coma en anos anteriores, pero con esta mellora e un pouco de promoción agardamos que volva o tránsito de peregrinos. O ano pasado tivemos que cancelar e reprogramar moitísimas actuacións. Tentamos trasladalas todas as que estaban apalabradas a este ano, aínda que modificando o formato para evitar aglomeracións. Entendemos que non se pode parar a actividade cultural, así que tratamos de promovela adaptándonos á situación. Pouco a pouco, a xente comeza a achegarse, pero aínda custa, sobre todo en recintos pechados. Aínda non hai ánimo para estar unha hora ou unha hora e media nun espazo pechado. Veremos agora coa chegada do verán, ao aire libre, se a xente está máis tranquila e animada.
¿Pódenos adiantar algo desa programación cultural?
A programación da rede cultural xa está toda organizada. Por exemplo, no mes de xullo, todos os venres haberá algunha actuación vinculada a “Viñetas do Camiño”, xa sexan monólogos ou actuacións musicais, na praza do Alcalde Souto ou ben no propio Museo do Humor, dependendo do formato do espectáculo.